Opinión

A impostura

Feijóo chegou coa máscara de home gris e sen máis atributos que unha suposta competencia profesional chegado de Madrid, a nós tanto nos tiña a persoa que houbese oculta baixo un personaxe arribista, cínico e banal. Curiosamente agora, que leva catro anos construíndo unha máscara máis acabada e completa, é cando máis chama a atención sobre quen haberá debaixo da máscara, cando máis vulnerábel se mostra.

Feijóo comparece ás eleccións máis exposto que nunca, non lembro un caso dunha candidatura máis personalista. Semella que se presenta Alberto Núñez Feijóo pola súa conta cun partido propio. El, que foi o submiso representante das consignas e das políticas que chegaban da corte madrileña, pretende agora crear un contrapoder político propio como o que tivo Fraga e Xosé Cuíña no seu momento para resistir a Aznar e Casado e agardar porque chegue a súa hora dentro duns catro anos. Non se expón o PP, pois non se presenta na campaña galega, exponse el. A derrota ou a vitoria será súa.

Feijóo está metido nun trance no que xoga a súa vida política, para el isto é un referéndum, “Feijóo, si / Feijóo, non”. Un xogo arriscado que mostra a súa verdadeira ambición, que vai levada da man por Bieito Rubido, o enlace entre a prensa galega e a madrileña, e que lle fala no ouvido dun futuro prometedor.

Alén da carreira política, con ser o fundamento que escolleu Feijóo para levantar a súa vida enteira, xógase a súa identidade persoal. Hai catro anos comezou a construción dunha biografía de home de familia e “formal” coa publicidade de que tivera un fillo, agora volve ofrecernos anécdotas desa súa biografía privada. Correndo o risco de verse espido, nu, completamente. Ou, máis ben, faino porque sabe que ten controlados os medios e tennos envoltos na mentira. Con esas cousas non se debera xogar.

Con todo, ese home xoga coa súa vida no sentido máis profundo. Xoga coa súa identidade persoal. De presentarse como un arribista ambicioso, un outro provinciano acomplexado a quen nunca lle importou o noso país e sempre debeceu por ser madrileño, un veraneante como Rajoy, empezamos a velo como un personaxe tráxico que camiña polo arame. Con rede debaixo, certo, mais nunca se sabe se che poden quitar a rede no medio do camiño porque a vida é un xogo no que nos xogamos a morte.

Comentarios