Opinión

A "Galicia profunda"

Cando uns desalmados asasinaron a unha pobre nena, Asunta, as cámaras das televisións máis ruíns rondaron cada día polos portais dunha cidade galega, mais era un crime sinistro e urbano. Desta volta as cámaras andan ao axexo polo episodio da Diana Quer, a rapaza madrileña asasinada, un crime brutal e medio rural, e espertou novamente a fantasma adormecida de “a Galicia profunda”. 

Xa ouvín un par de veces nestes días esa expresión a dúas persoas distintas. Unha tras ver a exposición ou o libro da Ana Turbau (“Galicia. 1975-1979") e outra tras escoitar na televisión unha irmá do que os medios chaman con tanta confianza “Chicle”. E percibo que coñecer esas realidades lles causa vergoña, non quixeran que sexamos vistos así, retratados por esas persoas conveciñas nosas. Non deixa de ser un complexo.

Eu non sei se hai un Toledo profundo, ou Guadalajara profunda, Teruel profundo, Andalucía profunda, Cáceres profunda... Si que teño visto un Madrid profundo de moito raio, abonda con pasear a Gran Vía e rúas veciñas, tamén teño ouvido da “España profunda” de Puerto Urraco, e miserias polo mundo adiante. E das nosas xa sabía. Mais agora hai persoas que as coñecen polos medios; medios madrileño españois, claro. Ou sucursais colonizadas, que vén ser o mesmo.

Eu non sei se hai un Toledo profundo, ou Guadalajara profunda, Teruel profundo, Andalucía profunda, Cáceres profunda...Si que teño visto un Madrid profundo de moito raio

 

Na España e na nosa Galiza hai situacións de atraso e marxinación, mais non son algo do que debamos ter vergoña, que nos cause escándalo que aparezan. O que precisamos é responsabilidade cívica, ter gobernantes que atendan os informes sobre pobreza e marxinación e fagan políticas xustas e solidarias. Non torcer o fociño e ollar para outro lado con vergoña de que nos vexan. Non aceptar a ollada con que nos retratan os colonizadores.  

Comentarios