Opinión

A burla de artistas

A censura do Réximen dos partidos do 155 non para de actuar, a través da lei Mordaza e a través de cada día e cada lugar: trátase de que teñamos medo, de volver atrás, a vivir con permiso do estado. O desafío democrático catalán obrigou a mostrar a verdadeira natureza deste estado, a monarquía posfranquista. Entre os primeiros en recibir o castigo, sindicalistas, activistas democráticos e artistas.

(Andan estes días a facer misas e procesións, pretenden facerlle un auto de fe a un cómico que fixo non un sermón senón un pregón de Antroido. Non sei que pasou cos collóns e co noso Apóstolo. Case de seguro que Santiago, patriarca de Xerusalén, tiña collóns e Cristo, que encarnou en home varón, seguro que tamén. E en Santiago é tradición acreditar no valor dunha persoa dicindo que “ten uns collóns máis grandes que o cabalo do Apóstolo”, porque quen acuda á catedral e vexa aquela figura de Santiago e o seu cabalo branco dará fe de que é comparación ben acaída. Non vexo eu que poda haber delito ou confusión cando se trata de Santiago e dos collóns. Pero en fin.)

Non sei que pasou cos collóns e co noso Apóstolo. Case de seguro que Santiago, patriarca de Xerusalén, tiña collóns e Cristo, que encarnou en home varón, seguro que tamén.

 

Alegrámonos de que Amnistía Internacional rectifique a súa actitude anterior, completamente errada, e recoñeza o carácter dos presos políticos como o que son, presos de conciencia, e denuncie a situación na que viven. Agora debera revisar a situación de todos os presos de conciencia nos cárceres españois, tamén os presos galegos. Bastaría que seguise a indicación que lle fai o artista Santiago Sierra coas fotos da súa exposición censurada pola feira madrileña de ARCO. E que ben que haxa persoas como Tatxo Benet, que compra e rescata a exposición e ofreceulla ao MACBA de Barecelona para que poda ser vista pola cidadanía. Tatxo demóstranos que ser empresario e ter cartos non empece o ser demócrata e ter dignidade; que non todo vai ser mafia corrupta do palco do Bernabéu a chupar do estado.

Os artistas, tan fráxiles, tamén son perigosos e poden ser poderosos, cando teñen valor. Lembro que cando o “Prestige”, cando aqueles canallas no goberno de España e no da Xunta, foron os artistas quen ergueu a bandeira da Burla Negra, a bandeira do pirata Benito Soto, criminal e apátrida, irredento e indomábel. Foron actores, actrices, cineastas, poetas quen primeiro acudiu á frente do combate cívico, falta unha crónica completa do que foi aquela iniciativa e aqueles días primeiros e sinto non ter estado alí, mais cada un ten que cubrir o seu posto.

Os artistas, tan fráxiles, tamén son perigosos e poden ser poderosos, cando teñen valor

 

Aquela iniciatia tivo outro valor e outra dimensión que non foi ben entendida aínda: a presentación dunha nova xeración de creadores. Antes deles os das xeracións anteriores só tiñamos un modelo funcionarial da cultura e a arte, eles foron cabalmente unha nova xeración cunha nova cultura, un novo xeito de facer as cousas: de modo alegre, non xerárquico, en equipas, en rede fronte aos modelos burocráticos anteriores. Deron paso a unha nova época na nosa cultura, unha época protagonizada por unha xeración viva e non institucional de creadores e que, por ser libre neste país afogado, non se lle permite ter un espazo digno na vida social.

Mais ese é outro tema e calquera día como me dea por aí falo diso. Hoxe fagamos obxección á censura posfranquista e celebremos ás persoas libres e aos artistas que defenden a liberdade para todos.

Comentarios