Opinión

A “asturianidade”

Paso de Ribadeo para a Veiga detrás dos camións tanque de “Leche Asturiana” cheos de leite galego. Como sempre que entro en Asturias desde Galiza, sinto que entro nun territorio máis ordenado, máis civilizado, menos caótico. Asturias faime ver unha boa parte dos nosos defectos e debilidades.

Non é certo que galegos e asturianos sexamos “primos hermanos”. Históricamente fomos parte dun mesmo reino suevo e logo medieval, co resto do Noroeste peninsular, Portugal incluído, agora non e cada parte do reino loita pola súa identidade, coas súas debilidades. Os nosos historiadores do pasado recente pouco e pouco van dando conta do que supuxo o golpe de estado criminal do 36 para liquidar as élites democráticas, porén non debemos esquecer que, tras o triunfo do golpe, os xenerais nacionalistas fixeron leva dos nosos mozos e foron eses mozos quen tomaron Asturias, quen morreron alí e quen mataron e abusaron tamén alí. O pasado, cando se toma completo, nunca é agradábel.

Asturias faime ver unha boa parte dos nosos defectos e debilidades

 

De Asturias envexo e mais non envexo un rasgo antropolóxico característico que os distingue de nosoutros, a autoconfianza das persoas, e que lle vén da propia condición de ser asturiano. Para un galego, galega, que unha persoa se sinta máis forte, mesmo superior, polo feito de ser galega é cousa sorprendente. Se vou falar con franqueza tamén encontro que ese rasgo é frecuentemente excesivo en xente asturiana, mais iso pode ser que abonde precisamente nesa condición miña de galego que aborrece ou teme mostrarse excesivamente “identificado”, “autoidentificado” (iso sabíao Fraga). Tamén sei ben de onde procede o noso peculiar síndrome, a nosa debilidade íntima, dun proceso de colonización de libro, mais iso é para outro día.

Sobre a “asturianidade” e a súa orixe pode que, se non esquezo, tamén fale outro día. Hoxe Xixón faime lembrar a cidade agradábel que é, con ese aquel apacíbel e con esa nota tan asturiana de rusticidade na xente común, que flúe mesturada coa elegancia dunha cidade provinciana, no sentido cálido desa palabra.

Para un galego, galega, que unha persoa se sinta máis forte, mesmo superior, polo feito de ser galega é cousa sorprendente

 

Non se me oculta que toda Asturias ten sobre si a sombra dun periodo de decadencia, esa mesma que alcanza ás provincias galegas interiores. Mais o viaxeiro non sabe dos problemas dos indíxenas e desfruta dos bens que se lle ofrecen a quen está de paso.

Comentarios