Opinión

O 25 de xullo: sermos ou non sermos

Hai corenta anos fixen as miñas primeiras “pintadas”, no costado dun edificio e no muro dun almacén, dicían “25 de Xullo. Día da Patria Galega”. Eu era militante dunha organización da esquerda estatal, MCE, e non teriamos feito esas pintadas se non existise unha organización nacionalista galega, daquela a UPG.

Hai corenta anos fixen as miñas primeiras “pintadas”, no costado dun edificio e no muro dun almacén, dicían “25 de Xullo. Día da Patria Galega”. Eu era militante dunha organización da esquerda estatal, MCE, e non teriamos feito esas pintadas se non existise unha organización nacionalista galega, daquela a UPG.

"Onte, hoxe e mañá se non existen organizacións galegas soberanas non existe políticamente a Galiza". 

Que o PCE aprobase en 1970 a existencia dunha organización autónoma para Galiza, PCG, camiño que seguiron as demais organizacións da esquerda española, que o propio MCG participase posteriormente no Consello de Forzas Políticas Galegas,  foi consecuencia de recoñecer unha realidade política: fronte ao Estado coa súa ideoloxía e estruturas, existía o galeguismo político que prefiguraba unha nación galega e non había outro remedio que dialogar coa súa existencia. Se desde dentro do país non se crean as estruturas propias non virá de fóra quen as cree.

Onte, hoxe e mañá se non existen organizacións galegas soberanas non existe políticamente a Galiza. Que os propios partidos que asumen e reproducen a existencia do estado actual acepten organizarse, tan sequera nominalmente, como organizacións “autónomas” baixo a dirección estatal é unha consecuencia da existencia do nacionalismo galego. O galeguismo político condicionou totalmente o presente, malia que, contrariamente aos vascos e cataláns, fose con AP e logo PP, con Albor e Fraga, que se perfilase a autonomía galega baixo o paraugas ideolóxico de Ramón Piñeiro.

Aquí o galeguismo condicionou mais non tivo capacidade para dirixir o autogoberno. Calquera análise sobre a realidade do país debe partir deses dous aspectos contradictorios, dunha banda o galeguismo foi e mais é a única formulación que  diagnostica os problemas dos habitantes deste territorio, que formula unha explicación, a dependencia, e que ofrece identidade diante da colonización ideolóxica dun estado que nos nega e que pretende a nosa aculturación e alienación. 

"Cando tras tantos anos unha corrente política non é capaz a conectar co país non é o país o que se equivoca, é esa corrente a que está errada". 

Doutra banda, tras o éxito político do galeguismo republicano, capaz a liderar e integrar a todas as correntes sociais e políticas democráticas nun proxecto de construcción nacional, o galeguismo renacido no franquismo foi incapaz en tantos anos, e en tres décadas de autonomía, de ser esa forza que a Galiza precisa para saír do atraso. 

O nacionalismo galego existente ten razóns para reivindicar o seu papel na defensa dos intereses colectivos, tamén ten motivos para autocriticarse e revisar a súa incapacidade e a súa conduta inzada de leas, purgas e enfrontamentos destrutivos.

O galeguismo político ten que gañar distancia histórica para reflexionar desde o principio e volver a analizalo todo, o tempo que vivimos e o país que temos. Cando tras tantos anos unha corrente política non é capaz a conectar co país non é o país o que se equivoca, é esa corrente a que está errada. E como o fracaso ten consecuencias sobre o suxeito, o nacionalismo galego está atrapado nesa síndrome do fracaso con todas as súas consecuencias e síntomas, principalmente un encerramento cara adentro:” a sociedade non nos comprende de maneira que podemos sobrevivir dentro da nosa cuncha”.

E a sensacion de fracaso e de impotencia fan que se busquen agocho nas ideas abstractas, na radicalización dos grandes enunciados e consignas ideolóxicas, na vez de analizar onde está o erro para contactar coa sociedade.

"Hoxe hai unha distancia que se agranda entre a sociedade e o nacionalismo galego. Esa fenda é alarmante coas novas xeracións",

Hoxe hai unha distancia que se agranda entre a sociedade e o nacionalismo galego. Esa fenda é alarmante coas novas xeracións, formadas nun tempo no que, a diferencia de Euskadi e Catalunya, a identidade e a cultura galega non foron actualizadas e non aparecen como algo vivo, nin sequera como algo seu. A responsabilidade primeira é de quen gobernou, porén algunha responsabilidade terá que ver o nacionalismo galego en que iso non fose así.

O doutrinarismo e o sectarismo son consecuencias dese encerramento, dese fracaso político. Sectarismo cara a fóra, cara a sociedade,  e cara adentro. O  sectarismo ten sido o peor defecto do nacionalismo de esquerdas renacido no franquismo, a pauta de conduta que o fixo tropezar unha e unha outra vez.

Neste momento, tras a recente ruptura do BNG a desconfianza, o encono e todas as manifestacións dese sectarismo inzan calquera debate sobre o futuro do galeguismo. Precisamente por iso é máis necesario que nunca deixar de banda as recriminacións e a personalización das críticas e esforzarse en recoñecer o evidente: ninguén fai política no galeguismo por ánimo de lucro ou medre, todos desexamos o mellor para a sociedade. 

Así e todo, malia todas as feridas e os enconos non haberá futuro se non se toma a decisión por todas partes de restablecer o diálogo sincero e buscar o achegamento das partes que se separaron. Iso é imprescindíbel, mais non abonda, aínda así o nacionalismo galego será unha corrente minoritaria e á marxe da maior parte do país. É preciso abrirse á sociedade realmente existente,  escoitar primeiro para falarlle despois aos concidadáns que hoxe non comparten a nosa visión da sociedade galega, os nosos diagnósticos sobre os nosos problemas.

"Malia todas as feridas e os enconos non haberá futuro se non se toma a decisión por todas partes de restablecer o diálogo sincero e buscar o achegamento das partes que se separaron"

Aínda que algúns non o queiran recoñecer e aceptar, o sistema político nacido da Transición chegou a unha crise profunda e con el a cultura política dos partidos e de todos nós. Hoxe a cidadanía quere establecer outro tipo de relacións cos partidos e desconfía dos “aparatos” no interior destes, é unha desconfianza fundada e que debe ser atendida. A crise dos partidos abre un tempo de diálogo, de reflexión cidadá, estanse reformulando as formas de participación, nacen procuras de unidade pola base para facer fronte á política destrutiva que padecemos.

Están a nacer iniciativas xustas e acertadas no esencial que todos debemos partillar. Porén, tamén é preciso que siga existindo un polo político nacional galego, unha posición galeguista e progresista que ten que ter vida e estrutura propia. As reivindicacións democráticas poden expresarse reafirmando a estrutura do estado existente ou creando a estrutura da nación galega, reafirmando o centralismo da Puerta del Sol ou tomando a Galiza como un país de seu. O diálogo humilde e a procura de abertura e unidade deben coexistir coa autoorganización nacional.

"Están a nacer iniciativas xustas e acertadas no esencial que todos debemos partillar. Porén, tamén é preciso que siga existindo un polo político nacional galego, unha posición galeguista e progresista que ten que ter vida e estrutura propia".

A crise do estado que estamos a vivir, cando a dereita herdeira do franquismo oprime aos máis débiles cruelmente e esganou todas as posibilidades democráticas que ofrecese a Constitución, estase a manifestar nidiamente na demanda nacional catalana. A consecuencia é que imos asistir a unha reforma constitucional na que Euskadi e Catalunya novamente terán a capacidade de pactar soberanía co estado.

E cal é a situación da Galiza? Igualmente que no 1975 non temos esa capacidade, o nacionalismo galego mantense nunha situación de debilidade semellante á daquela ocasión.

Cal é o camiño? Non hai outro, a afirmación política e organizativa da nación galega. É preciso reconstruir o que rompeu e abrirse con tanta firmeza como humildade á sociedade galega. Este 25 de Xullo será, nun momento tan delicado, a afirmación máis necesaria que nunca de que a Galiza existe nacionalmente.

O Día da Patria Galega, o día da Galiza, que oficialmente é o “Día Nacional de Galicia”, é o día de mostrar aos demais e mostrármonos que existimos. De mostrar o espíritu a cabeza, o óso e o músculo dunha nación galega creada por unha cidadanía libre.

Para que a Galiza exista. 

Comentarios