mércores 03.06.2020

Viaxe arredor do meu cuarto

Nestes días nos que nos prohibiran saír pola porta da casa, pasei moitas horas xunto á miña filla reinventando os espazos. Tamén debuxamos, bailamos, cociñamos e, como non, fixemos fronte a unha manchea de retos e actividades que viñan da súa escoliña. Nunha destas ocasións suxerían que fixésemos unha maqueta do seu cuarto, había que medir cantos pés tiña de largo e ancho, mas iso non lle pareceu nada atractivo. Díxenlle que escollera un obxecto dos que había alí, e como quen tira dun fío, inventásemos ou lembrásemos a súa historia.

-É como xogar ao vexo, vexo.
Pasou os ollos polas paredes da habitación, abesullou con rapidez e berrou mentres daba chimpos enriba da cama.
-A manta de la da avoa!

E así pasamos un anaco de tempo, pensando neste e noutros obxectos. Díxenlle que escribiríamos un conto con todas esas historias e que o titularíamos “Viaxe arredor do meu cuarto”, que nos perdoe Xavier de Maistre, a literatura é para quen a precisar. Entón, coma nunha viaxe excesivamente veloz e fugaz, coma quen volta a un itinerario xa percorrido, lembrei o fragmento no que o autor describía o seu cuarto. Achegueime á biblioteca e apañei a miña edición en portugués, e voltei a rir coma a primeira vez.

E como non, respondemos á escola que non fixeramos caso das indicacións -nós raramente percorremos unha liña recta- mais que enviabamos unha descrición empírica do habitáculo: “Meu quarto está situado no quadragésimo quinto grau de latitude [...]: sua orientação é entre o levante e o ponente; forma um quadrado longo com trinta e seis passos em toda a volta. Minha viagem terá, entretanto, mais que isso, porque eu o atravessarei frequentemente, ao longo, e ao largo, ou mesmo diagonalmente”.

A ninguén se lle escapa que estas liñas son unha parodia da literatura de viaxes, seguindo a estela de Sterne, un dos precursores da viaxe sentimental. De Maistre escribiu esta obra durante unha corentena, cando a finais do século XVIII, foi sometido a arresto domiciliario por ter participado nun duelo. Escribiuna pechado nun cuarto en Turín, onde soportou o seu confinamento, ao longo de corenta e dous días- os mesmos capítulos que ten a novela-. Se houber unha referencia ineludible para falarmos de literatura e confinamento, esa é “Voyage autour de ma chambre”, unha obra que inaugurou unha nova forma de viaxar.

Para os que xa mudamos de fase, foron de confinamento asfixiante e non exento de tensións. Nós acudimos ao método do que falaba de Maistre no seu libro, hai máis de dous séculos. Así é como miña filla e máis eu saímos de viaxe, dispostas a percorrermos cos ollos e a imaxinación cada un deses obxectos e as historias agochadas e inventadas que nos levaron máis alá desas catro paredes do cuarto. Ás veces, canto máis lonxe saímos, tanto menos coñecemos.

comentarios