Opinión

Catalunya segue o seu camiño cara á independencia

Desde a multitudinaria manifestación de 2012, teño estado en Catalunya en todas estas reivindicativas Diades, sempre co mesmo desexo, que fose a última vez que tiñamos que saír á rúa para reclamar o dereito a decidir do pobo catalán. Malia que desta vez semellaba que xa estabamos cansos de tanta performance a favor da independencia e de tantas mostras de capacidade de organización e de acción, gústame comprobar que a xente unha vez máis mobilízase para esixir o que é lexítimo, unha Catalunya lliure. 

Pregúntome que fixo o goberno españo -agora sen constituír por medo a ter que celebrar un referendo- ao longo destes anos. As declaracións de onte de Margallo nun mitin do PP en Donosti afirmaban: "De una crisis se sale, un ataque terrorista se supera, pero la disolución de España es absolutamente irreversible", son unha mostra máis dunha cegueira absoluta e dunha incapacidade de diálogo dun goberno que hai tempo que está enrocado nesas posturas.

Pregúntome que fixo o goberno españo -agora sen constituír por medo a ter que celebrar un referendo- ao longo destes anos

Como dicía días atrás Jordi Cuixart, presidente de Ómnium Cultural, o soberanismo é amplo e plural. Este ano ademais da manifestación descentralizada convocada pola ANC en diversos puntos de Catalunya para pedir o RUI (Referendum Unitario de Independencia), tamén había outra concentración convocada por UPDIC (Units per declarar la Independència de Catalunya) baixo o lema “VOLEM DUI JA!”. Si, son dúas posturas diferenciadas mais non diferentes. As dúas procuran o mesmo obxectivo: a independencia de Catalunya.

Non sei se esta última Diada marca ou non a fin dun ciclo, mais a xente volveu a saír a rúa coa mesma determinación para demostrar unha vez máis que ten claro o que quere, autogoberno.  O Parlamento que saíu das urnas o pasado 27S, con maioría soberanista tería que concretar unha proposta clara que conducira Catalunya ao autogoberno.

Se o corazón non me engana, habemos de ir... Porque as veces, a determinación dos “pequenos” ten máis forza que a inacción dos “grandes”.

Comentarios