Opinión

Por unha vellez digna, loitamos

Nunha comparecencia recente, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luís Escrivá, emitiu unha serie de propostas que o Goberno do estado ten pensado levar a cabo de cara ao Sistema Público de Pensións.

Segundo o ministro, a viabilidade do sistema está garantida só se se aplican certas medidas como as anunciadas por el, que inclúen o atraso na idade efectiva de xubilación mediante desincentivos á xubilación anticipada, entre outras propostas.

Despois de varios anos nos que os vaivéns no Goberno do Estado ameazaron seriamente as pensións, a primeiros deste ano investiuse Pedro Sánchez como Presidente e asistimos á constitución do seu goberno, no que asumiu as competencias de Seguridade social, e polo tanto, de pensións, este ministro Escrivá, que anteriormente era Presidente da AIREF (Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal). Este organismo foi creado no seu momento a instancias da Troika para controlar a estabilidade orzamentaria do Estado, e ten emitido informes con propostas para reformar o Sistema Público de Pensións que coinciden coas que agora pretende implantar Escrivá desde o Ministerio que dirixe. Coñecendo os informes previos da AIREF, saberemos tamén que futuro quere para o Sistema Público de Pensións este goberno central.

As propostas anunciadas (e as recollidas previamente polo organismo fiscalizador) van novamente na liña de seguir penalizando as condicións laborais e de xubilación da clase traballadora. Por iso, desde a CIG seguimos a mobilizarnos como xa o viñamos facendo, e exixímoslle a este goberno, igual que o fixemos cos anteriores, que adopte as medidas necesarias para acadar un mercado laboral forte con emprego estábel e salarios dignos, como único xeito de garantir un futuro con pensións que permitan ás persoas levar unha vida digna.

Mobilizámonos na certeza de que o Sistema Público de Pensións é viábel se con vontade política se toman as decisións adecuadas, comezando pola derrogación das reformas das pensións (a de 2011 e a de 2013) e das reformas laborais que tanto PSOE como PP impuxeron no seu momento para desmantelar o Sistema Público de Pensións, atacando e deixando sen recursos, unha vez máis, a maioría social, mentres se intenta facernos crer que as pensións públicas non son sostíbeis e que temos que aforrar ou facer plans de pensións privados, e así, de novo, que sexan os fondos financeiros e as grandes empresas que sosteñen estes plans privados, quen se benefician a costa da clase traballadora.

Curiosamente, entre as medidas anunciadas esta semana polo ministro Escrivá, estaba tamén retirar os incentivos fiscais aos plans de pensións individuais, pero trasladar estas melloras fiscais aos plans de pensións de empresa. Ao final, a banca sempre gaña.

Por se fora pouco que Galiza padeza as segundas pensións máis baixas do Estado, son moitas as persoas que non poden acceder aos servizos de atención á dependencia, dada a falta de recursos públicos, condenando ademais as mulleres a seguiren exercendo de coidadoras con tripla xornada. Mulleres galegas que, de media, teñen unha pensión 300 euros inferior á dos homes. Mulleres que, como vimos denunciando desde hai tempo, e como se recollía no eixo central das mobilizacións deste 8-M, sosteñen o sistema, asumindo os coidados que non son asumidos pola sociedade no seu conxunto a través das administracións públicas.

Galiza é un país cada día máis envellecido, e onde cada vez máis persoas viven a súa vellez en soidade. Se ata o de agora os recursos de atención á dependencia eran escasos, a cada paso son aínda máis deficitarios e insuficientes.

Precísanse cambios nas políticas de atención á dependencia, e que se poñan en marcha as accións necesarias para garantir unha atención adecuada a través dunha rede pública de recursos, cun acceso equitativo, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.

Para unha vellez digna, son necesarias, entre outras, unhas pensións dignas e unha atención adecuada á dependencia. Por iso loitamos.

Comentarios