Opinión

Medo

Nos días presentes sabemos da desaparición de unha (outra) moza e coñecemos detalles como que se sentía acosada por un home no momento da desaparición. Hoxe, tamén, descubrín na rede social Facebook, a narración que unha moza fai dun episodio no que sentiu medo ante un encontro con dous rapaces que se dedicaron a seguila. Eu, coma tantas outras mulleres, sentinme moi identificada con esas dúas situacións, porque todas as mulleres sentimos nalgún momento das nosas vidas (máis ben, en moitos momentos das nosas vidas) ese medo, esa terríbel sensación de pánico que te invade cando sentes que se aveciña unha agresión e non sabes como parala.

Hai quen se atreve a dicir que o feminismo debe ser superado, que xa non é necesario porque os tempos cambiaron moito. E seguro que cambiaron? Quizais o que cambiaron foron as percepcións. Quizais pareza, e só pareza, que xa non hai problema. E mais hai. Segue habendo problema. As mulleres seguimos sentindo medo de andar por algúns sitios, de estar a soas con certos homes, de ir de noite a calquera lugar... e o medo que sentimos as mulleres ten unha base real. 

As mulleres seguimos sentindo medo de andar por algúns sitios, de estar a soas con certos homes, de ir de noite a calquera lugar...

Nunha ocasión, cando acababa de rematar a carreira de enfermaría e iniciaba a miña vida laboral, con 22 anos, vinme traballando nunha consulta de Atención Primaria nunha vila galega, non importa cal, posto que o que vou contar puido suceder (e seguramente terá sucedido tamén) en calquera lugar.  Chamei por un paciente e fíxeno entrar na consulta. Un home duns 70 anos que viña facer un control de glicemia. Nada máis entrar pola porta, pechouna e achegouse a min, e sen mediar palabra, púxome unha man no peito. Así, sen máis. Quedei tan asombrada que nin reaccionei, quedei parada sen saber que dicir nin que facer. Así que o home volveuno facer. Nese momento si que xa me apartei del, púxenme detrás da mesa da consulta e díxenlle que se quería que lle medira a glicemia puxera a man enriba da mesa. Terribelmente desconcertada, sentíndome humillada, vexada e agredida, fixen o meu traballo como puiden, e ao rematar marchou e eu quedei alí sen saber que pensar ou como actuar, vencida, coa cabeza baixa, preguntándome que fixera para vivir esa situación. Non llo contei a ninguén, simplemente decidín deixalo correr, esquecelo.

Terribelmente desconcertada, sentíndome humillada, vexada e agredida, fixen o meu traballo como puiden

Pero resulta que á semana seguinte, aquel home volveu á consulta. Foi velo entrar pola porta e o pánico apoderouse de min. Mais desta volta si, reaccionei. Inmediatamente díxenlle que se puxera por diante da mesa e puxera a man enriba para mirarlle a glicemia. Inda fixo un intento de achegarse a min, berreille que se sentara diante da mesa ou chamaba á policía, mentres collía o teléfono na man. Aí xa freou, sentou, fixen o meu traballo e marchou. Desta volta conseguín evitar a agresión, pero sentinme tan asustada que tremía coma unha vara verde mentres lle facía a medición. E tardei moito tempo en superalo. Moito tempo.

Todas as mulleres nos sentimos así algunha vez.TODAS pasamos por algún episodio así ao longo da nosa vida. Este que vos conto non foi o único que eu sufrín, nin seguramente o máis grave, mais para min foi brutal. Eu era unha moza que empezaba a traballar. E no inicio da miña vida laboral, estando no meu posto de traballo, sufrín unha agresión sexual. Como pensades que se sente unha rapaza de 22 anos ante isto?

Todos os días, en cada momento, algunha muller se sente así. E en moitos casos, nunha maioría, non se conta, non se dá a coñecer. Por vergoña, porque nos fan sentirnos estúpidas, por medo e máis medo. 

Que non me digan que os tempos cambiaron. Esta mesma semana puiden coñecer dous casos de agresións similares á que eu vivín hai 20 anos. Mais hai outros centos, miles, que nunca coñeceremos.  Non, os tempos non cambiaron. Temos que cambialos nós. E só o feminismo pode facelo. Só as mulleres somos quen de facelo. Xa abonda de calar, falemos! Actuemos!

Comentarios