Opinión

Ese valeroso clan

Sendo eu nena, cando facía a EXB, tiven a sorte de recibir ensinanzas dunha mestra de excepción. Unha mestra que se preocupou de que coñeceramos e reflexionaramos sobre cuestións que non viñan nos libros, ou, se viñan, facíano dun xeito nesgado ou manipulado. Esta mestra, coa que agora comparto militancia política, a miña querida Concha Álvarez, fixo algo que, visto coa perspectiva que dá o tempo, supuxo para min un alicerce no que asentar moito do que despois foi a miña vida e que naquel momento entendo que era mesmo unha heroicidade. Aprendeunos o himno galego. Enteiro. As catro estrofas.

A Concha non só nos puxo como tarefa memorizalo (e así, debo de ser das poucas da miña xeración que sabía o himno desde nena) e cantalo conxuntamente na clase. Fixo algo máis. Explicounos o que significaba. Contounos quen eran os rumorosos que falaban co seu monótono fungar no poema de Pondal. Amosounos o que os rumorosos querían dicirnos, o que pregoaban coa súa voz. E inda que naquel momento non lle dei o valor e a importancia que, desde logo, tiña aquel feito, co decorrer dos anos doume conta do significativo que foi na miña vida. Quedei fascinada co himno e co que expresa, como símbolo e como xoia literaria.

O caso é que na letra que aprendemos a min había algo que non me cadraba: como pode un chan ser valeroso?

 

O caso é que na letra que aprendemos a min había algo que non me cadraba: como pode un chan ser valeroso? Una persoa, un acto, un colectivo, poden ser valerosos. Pero un chan? Pode ter un chan a calidade de valeroso? Arrastrei esa dúbida durante anos, e engadín outra posteriormente, cando estudaba literatura galega no instituto. O profesor fíxonos ver a importancia de certos adxectivos en Pondal, mesmo de certos binomios que contrapoñían a dureza coa febleza. E xurdiu outra pregunta: por que Pondal empregou para denotar dureza adxectivos derivados de “ferro” en diversas ocasións na súa escrita, mais na letra do himno a palabra usada foi “férido”? Que sentido ten? Que significa “férido”?

As miñas dúbidas aclaráronse tempo despois, nun acto político (do que a miña memoria se empeña en ocultarme os detalles sobre a data ou o tipo de acto) no que tomou a palabra María Pilar García Negro e nun alegato marabilloso sobre o noso himno nacional botou luz sobre o misterio: a letra do himno fora deturpada e non coincidía co orixinal escrito por Pondal. Así, o “valeroso chan” rexurdiu como o “valeroso CLAN”, e o “férido” do texto dado como oficial resultou ser “FÉRRIDO” e entón, si, a letra cobrou sentido para min, completo por primeira vez desde que a Concha nos aprendera o himno que viña no libro de texto da EXB.

Nun alegato marabilloso, María Pilar García Negro botou luz sobre o misterio: a letra do himno fora deturpada e non coincidía co orixinal escrito por Pondal

 

A tal deturpación, tal e como despois puiden ler en diversos artigos da mesma persoa que, clarificando as miñas dúbidas, instou o público daquel acto político a recuperar a letra tal como fora concebida por Pondal, non só sufrira mudanzas no que se refire a esas dúas palabras que a min me chocaban, había outras variacións entre a letra orixinal e a que se recolleu como himno oficial na Lei de Símbolos da Galiza.

Agradecín enormemente aquela arenga da profesora García Negro, e desde aquel día cando toca facelo, canto o noso himno coa súa letra orixinaria e coido que ten grande importancia non só a súa difusión, senón tamén a súa restitución.

Nese traballo anda a incansábel María Pilar, unha tarefa non sempre ben comprendida, mais necesaria, e que debe ser apoiada con ansia ata a consecución do obxectivo. Participei hai ben pouco na presentación do seu libro Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa) e, unha vez máis, fiquei engaiolada con todo o que alí se expuxo por parte da autora. A historia de como se deturpou a letra do himno, e de como se intentou a súa restitución xa nun pasado recente imponnos dúas tarefas: recuperar e memorizar cadaquén, individualmente, a letra orixinal e cantala nos actos solemnes en que o himno ten (e debe ter) presenza e apoiar sen vacilacións o inmenso labor de recuperación para a oficialidade do texto orixinal pondaliano.

Grazas a quen iniciou (xa hai anos) estas tarefas. Ese valeroso clan saberá, penso, dar resposta.

Comentarios