Opinión

8F: por que defendemos a lingua?

Desde a Plataforma Queremos Galego convocamos para o 8 de febreiro vindeiro unha grande mobilización na defensa da nosa lingua. Terá a súa saída ás 12h dese domingo día 8, desde a Alameda de Santiago. 

Desde a Plataforma Queremos Galego convocamos para o 8 de febreiro vindeiro unha grande mobilización na defensa da nosa lingua. Terá a súa saída ás 12h dese domingo días 8, desde a Alameda de Santiago. 

Por que temos que manifestarnos para defender a lingua? Pois temos razóns abondo, moitas vimos expoñéndoas desde Queremos Galego, e desde outras entidades como A Mesa, xa desde hai tempo. Razóns de sobra para loitar polo galego, razóns colectivas e tamén razóns individuais. Convídovos a que as compartamos.  Eu vou deixar aquí algunhas desas razóns que fan que o vindeiro 8 de febreiro eu participe nesa manifestación e que día a día trate de traballar por unha vida normal en galego. Engadídelle vós tamén as que consideredes. 

Por que defendo a lingua galega?

  • Porque o galego é unha lingua milenaria, cuxa orixe se perde no tempo, e que temos a obriga de manter e continuar, para que non desapareza. 
  • Porque a nosa lingua foi e é a construción máis elaborada e marabillosa que deu o pobo galego e non podemos consentir que presidentes da Xunta renegados ou gobernos indignos a estraguen.
  • Porque o galego é o idioma que nos define e co cal expresamos o noso xeito de ser e de estar no mundo. Como ben dixo Manuel María: “seríamos, sen fala, uns ninguén”.
  • Porque nos permite interaccionar e comunicarnos en múltiples lugares do mundo, porque a través da lusofonía formamos parte dunha comunidade de millóns de persoas que se expresan coma nós.
  • Porque é a herdanza que nos deixaron quen nos precederon. Tanto as nosas nais, coma os nosos avós, e tod@s @s nos@s devanceir@s, e debemos deixárllela tamén a quen vén detrás.
  • Porque o galego é unha lingua útil, que nos permite comunicarnos, con infinidade de matices fermosos que só na nosa lingua teñen sentido.
  • Porque con ela non só expresamos ideas, expresamos as NOSAS ideas.
  • Porque só nós, o pobo galego, as galegas e galegos, temos a honra de posuír esta riqueza, ninguén máis pode presumir diso, e deberiamos sentirnos orgullosas e orgullosos.
  • Porque un futuro sen galego sería un futuro máis pobre e menos noso.
  • Por nós, polas nosas fillas e polas fillas dos nosos fillos.

E ti, por que defendes a lingua?

Comentarios