Opinión

O rural como modelo de progreso na transición ecolóxica

Hai que dicilo ben alto e ben claro: o PIB non serve para medir o benestar dunha sociedade. O Produto Interior Bruto (PIB) non fala do nivel de desenvolvemento. Non fala das externalidades. Non fala dos traballos dos coidados. Non fala da calidade do que se produce. Usar o PIB para medir o benestar é directamente un engano baseado nunha concepción produtivista do mundo. É o mesmo dogma que se usa para facernos crer que canto máis traballemos, máis produzamos, máis compremos seremos máis felices. É así como nos adormece o capitalismo: comprar, usar, tirar, comprar máis e desbotar como se o planeta fora infinito.

Por que nunca se fala de rural cando se fala de desenvolvemento e modernidade? En EQUO Galicia rexeitamos a idea de que progreso, desenvolvemento e produción industrial e urbana estean intrinsecamente vencelladas. Desbotamos por completo ese concepto de progreso baseado no cemento, nas grandes fábricas das cidades, nos motores dos coches e nos produtos de usar e tirar que chegan en mil envases. En Galicia, hai un modelo de rural de futuro que desafía ao dogma do PIB, con moito potencial, que está sendo sepultado polas políticas feitas a medida da cidade que non serven máis que para baleirar vilas e aldeas. Esas políticas que deixan todos os recursos a grandes empresas por riba da veciñanza. Esas políticas creadas a medida dos poderosos para que o modelo económico favoreza aos seus intereses e o resto non teña máis remedio que axustarse.

Queremos vivir nun rural onde os servizos públicos teñan a mesma calidade que nas cidades. A sanidade, a educación e os servizos sociais administrativos son dereitos de todas, polo que, non deberíamos ter que dispor dun coche para poder chegar ata eles. Deberíamos simplemente poder camiñar ata eles. Todo isto supón que hai que realizar un grande investimento en servizos públicos. Investimento moito máis xusto que os rescates a grandes empresas, que ademais son contaminantes ou tributan fóra do país.

Queremos vivir nun rural conectado con transportes sostibles cunha rede de tren de proximidade evitando estradas que rachan o medio natural. A conexión non se limita á mobilidade. Queremos un rural onde Internet poida funcionar e xerar posibilidades de traballo no sector dos servizos.

Queremos un rural onde as cooperativas das veciñas teñan oportunidade de xerar postos de traballo e cada quen poida ser o seu propio patrón, e patrón de ninguén ao mesmo tempo. O modelo da economía social e da cooperación deberían de ser a regra e non a excepción. Os poderes públicos deberían de apoiar e fomentar iniciativas de desenvolvemento rural que empoderasen as labregas para poder transformar e desestacionalizar as súas colleitas, creando así unha rede de infraestruturas públicas que permitan o florecemento de pequenas empresas de orixe colaborativo e cooperativo que ao mesmo tempo coidasen da soberanía alimentaria de todas.

Queremos un rural onde a enerxía se comparta e non siga patróns depredadores e extractivistas que nada deixan nas aldeas. Un rural con vivenda de calidade, enerxeticamente eficiente na que os vatios que se consumen, son os que se producen localmente, en cada casa. Libre de grandes estruturas, de grandes parques eólicos en mans das empresas do oligopolio.

Queremos un rural onde as veciñas teñan incentivos suficientes para recuperar os montes autóctonos e que o modelo económico non as empurre a plantar máis monocultivos de eucalipto. Un rural onde os poderes públicos teñan claro cales son as iniciativas que teñen que apoiar con vistas ao futuro e a crise climática que chegará. Un rural onde a xente nova con ideas e azos poida acceder á terra e non teña que marchar ou ter como única alternativa de emprego o traballo nunha mina ou nun sector industrial que máis cedo ou máis tarde morrerá pola súas necesidades incesantes de enerxía.

Ese é o rural que queremos e que o goberno autonómico non está deixando que suceda. Queda tamén, proceder a ruralizar as cidades usando este modelo.

Comentarios