Opinión

Versos de ida e volta

Seguro que vos ten pasado máis dunha vez iso de cando se mete nos miolos unha melodía e durante semanas non hai maneira de sacala de alí. Se a letra da canción for bonita dáche un pouco igual. O problema é cando se che arriman esas cousas vergoñentas tipo “Bomba” (coa voz do cantante na túa cabeza, para máis inri) que repites unha e outra vez, mesmo en voz alta para maior escarnio. A min pegóuseme estes días: Miña terra, miña terra, / terra donde me eu criei, / hortiña que quero tanto, / figueiriñas que prantei…

Que é preciosa, que me encanta, e que tal e como vos contei o ano pasado por aqueles días ten unha historia moi emotiva que a vencella á miña propia vida. O conto é que ao chegar ao cabo do verso a miña versión segue con: Gurisito pelo chuzo / Ojitos de yacaré / Barriguita chifladora / Lomito color café.

Ao principio confusa, facía por volver ao comezo para seguir co verso correcto, pero non hai maneira: sempre torno ao poema-canción de Anibal Sampayo “Río de los pájaros”, que fala dese río Uruguay, que distingue e marca a todos os da miña terra. E daquela entendino por fin: ese pequecho de pel escura e barriga con ventos de fame, antes de marchar polo mundo adiante, tamén se despide do seu río, da súa terra, das súas árbores e paxaros. Tamén deixa os seus para se encontrar entre estraños, e ao partir ve a figura da nai lavando a roupa doutros, mentres soña con coa volta. Infindos e eternos poetas que pousan nas nosas bocas as palabras que acala a ausencia. Benditos todos os que temos unha figueira ou unha ceiba esperando por un reencontro.

Comentarios