Opinión

Veladas todas

Din que unha muller foi debullando unha historia tras outra durante mil noites, e, ao final non só salvou a súa vida, senón tamén moitas máis. Nunca saberemos cantas morreron antes, o libro menciona os asasinatos sen moito espavento; tampouco hai constancia de que o asasino fose axustizado... 

Por riba disque foron felices e comeron perdices.

Mil anos despois, aquelas historias que ensarillaron o camiño da morte séguense narrando.

No medio de fantasía, tesouros e aventuras esquecemos que quen contaba aqueles contos tiña que estar aterrada por dentro. Imaxinade por un momento o que se pode sentir ao saber que a túa vida depende do antollo de quen pensa que só por seres muller debes baixar a mirada, velar sentires e pensares e centráreste só naquilo que o faga feliz a el .

Mesmo cando esas cousas supoñen esconder baixo mil capas de opresión a túa esencia. Pisar sen facer ruído, vestir sen chamar a atención, deixar a intelixencia en pausa, a dor en silencio e o ventre para parir con sufrimento. Pensando en tantas Sherezades que estes días anovan o contrato co medo e a inseguridade, o amargor atéigame a boca. 

Outra vez, alguén decide por elas. 

Os que un día chegaron coa bandeira de salvadores, aqueles que traían a verdade absoluta, marcharon sen salvar máis ca o seu. Agora chegan outros.

E a elas, ás que manteñen a vida acesa pese á fame, ao medo, á violencia e á dor, quen as escoita?

Poderán as palabras ser escudo ou isto só é outro conto de horrible final que se contará velado.

Comentarios