Opinión

Varcia

Volvín (por fin) á miña horta. De camiño funme preparando para a desfeita que seguro ía topar despois de meses sen aparecer pola leira. Pero nada me preparara para a festa de cheiros e recendos que alí esperaba por min. Coles, cebolas, apios e grelos, tomiño, rosas, cenorias e porros mesturábanse en erótica bacanal unhas por riba das outras. O meu proverbial sentido da orde gardáraas en reas organizadas nos meses de verán; pero, en canto lles empezou a dar o frío, fóranse leando, e nesa solleira mañanciña de marzo atopeinas ciscadas por onde lles petaba. 

Os lagartos do valo e as aguias da fraga déronme a benvida. E, evidentemente, a veciña, coa que podes manter unha distancia de seguridade ideal, a que dá vivir co río de por medio. Entre reproches de “non vides nada”, “non podiamos” e “como estades?”, Tere volveu á súa ladaíña de mesturar os tempos de cando estaba en Venezuela cos do coral de Riobóo, cando se afundiu o chan do pazo e caeron todos os caciques abaixo, e o moito que lle gustaba á filla a casiña que compramos.

-“Tes moita sorte, esa terra é boa, a mellor de toda a parroquia. Dá de todo!”. En canto marchou acordeime daquela tarde cando lle dicían a Manolo das Quintas no Montevideo da miña nenez “esa terra dá de todo”. El teimaba que non, os amigos que si, e el que non e os amigos que si… Ata que Balta, coas veas do pescozo a rebentar e vaso de viño en man, cruzou a rúa e, patexando a terra vociferou:

- “Aquí plantas calquera cousa e nace”.

“Home, plantando seguro que dá”- dixo Manolo- “Pero iso é traballo”. Niso andamos… traballando, para que dea.

Comentarios