Opinión

Trapecista

A día de hoxe, o único herdo material que recibín foi un baúl cheo de traxes de seda, abelorios e tules. Era da miña avoa Rosa, a que traballou nun circo. Non era avoa de sangue, pero no barrio adoptámola o día que desde a porta da súa casa se ofreceu a saltar á corda con nós. Tiña unha pericia incrible. Aínda que xa andaba polos oitenta, podía saltar ata 100 case sen respirar.

Como non existía a sororidade, as outras avoas rexoubaban dela canto querían.

Fumaba no balcón para non ser descuberta polo fillo que a visitaba de cando en vez. E tiña agochada unha botella de xenebra Bols da que botaba man só cando os recordos lle augaban a mirada.

Falar con ela era viaxar por lugares de nomes exóticos, que espertaban en min as ansias de percorrer mundo

.Ría acariñando os traxes nos que xa non entraba, e dicíame que o máxico non era poñer o corazón no camiño, senón poñer o camiño no corazón.

Anos máis tarde , cando era eu a que andaba polo mundo, nun regreso, unha veciña chamoume e entregoume o seu baúl.

Tardei meses en abrilo, e, final-mente, cando tiven valor, fun tocando os seus traxes, un a un. Fun recordando os aplausos que tiñan reci-bido, os focos, os ramos de flores.

Descubrín con horror, que a couza se cebara con eles nese tempo en que ninguén levantara a tapa. Memoricei cada cartel, cada tarxeta, cada detalle. Vaciei o baúl e enchino cos meus vestidos e os billetes de tren e avión. Enchín o meu corazón de camiños , e nesas sigo. Ata o día que salte á corda nalgún barrio ateigado de nenos

Comentarios