Opinión

Soños

Non sei como me apaño, pero sempre acabo acompañando a alguén ao seu destino cando collo o transporte público.

Hai uns días retomei o costume de viaxar en tren de longa distancia. No paso, de Ourense, unha moza miudiña, que cargaba unha maleta inmensa, pediume por vir canda min, porque tiña medo de subir ao tren que non era e terminar a saber onde. A máscara e os nervios engrandecíanlle os ollos e a nai que habita en min fixo que a adoptase. Contoume que empezaba a traballar por vez primeira, que os da casa querían acompañala, pero ela resolveu ir soa; que tiña que aprender, perder medos, ser resolutiva e facerse coa nova vila..., parrafeaaba cunha mestura marabillosa de ilusión e consignas alentadoras.

Lembrei unha noite, outro tren e unha maxiar que retornaba do seu país á terra que agora a fornecía de traballo e teito. En canto o interventor nos marcou os billetes, deu en falarme de toda a súa parentela, do cambiados que estaban, do ben que lles viñan os cartos que ela mandaba, do cara que era alá a calefacción… Axiña, abriu unha daquelas maletas que traía, tan grandes que ocupaban o nimio corredor.

Traíaa ateigada de botellas de coca cola de dous litros: "Proba", ofreceume, "é o viño que fan os meus no viñedo que mercamos o meu marido e mais eu, en Éger. Aínda lle queda un chisquiño, pero estache ben bo. Disque é vermello coma o sangue de touro; eu digo que é vermello coma as mans das mulleres que lavan roupa doutros". Brindamos de boa gana polas mulleres que viaxan tras os seus soños. E, mentres saboreo o recordo daquel viño, despido a nena da maleta grande que persegue os seus. 

Comentarios