Opinión

Por Pilar, Belén e todas as miñas compañeiras

Un día había que render homenaxe a todos eses bares e tabernas que a horas intempestivas se doen dos cómicos que volven para a casa após cargar furgonetas e recadar espectáculos, aviándonos estómago e alma cun prato quente e un vaso de viño.

Hai anos, acabada de chegar a estas latitudes, vagaba de madrugada buscando por Madrid adiante algún lugar onde matar o bicho. Aterecendo no medio da rúa albisquei ao lonxe un camareiro recollendo mesas nun bar profusamente iluminado; ante a miña solicitude, que xa pecharana cociña. Daquela, dunha das mesas de fóra, na zona penumbrosa, unha voz grave de muller pediu dous ovos máis para a tortilla que lle estaban a preparar e outra copa para o viño que tiña aberto diante. -Iso si, vas a ter que vir sentarte fóra “chiquilla”, dixo. Quixo saber onde traballara esa noite; díxenlle que en La Cuarta Pared. “Bo público”, respondeu. 

Comemos en silencio, nese silencio que nos sobrevén aos actores cando deixamos todo no escenario. Despois conversamos devagar sobre os meus textos, de personaxes femininas, do machismo dunha profesión “progre”… -Soledad, díxome, non estás soa. Precisamos máis voces de mulleres que conten o que me vés de contar.

Anos máis tarde recoñecina á fronte das marchas contra a guerra de Irak, na Porta do Sol, e arrimeime emocionada para que me colocase no peito o “Non á guerra”. -Señora Pilar Bardem, débolle unha tortilla! -Cando lle dean a volta, dixo sorrindo. 

Esta semana, gozando dunha inmensa Belén Costenla, despedín unha grande do Teatro. Por ti, Pilar, por Belén e por todas as miñas compañeiras, toca seguir alzando a voz.Esta semana, gozando dunha inmensa Belén Costenla, despedín unha grande do Teatro. Por ti, Pilar, por Belén e por todas as miñas compañeiras, toca seguir alzando a voz.

Comentarios