Opinión

Snob Megalove

A última vez que nos vimos foi xusto despois de gravar un audio para unha animación 3D. Collemos cara a un bar do polígono industrial, con mobles de serie, plantas de plástico e taboleiro cun menú que non motivaba para nada. Pedimos cervexa, café e comezamos a poñernos ao día. Os dous tiñamos trazada tempo despois unha intervención cirúrxica que nos ía mellorar a vida. Así que principiamos por intercambiar “material”: novas editoriais, musicais, cinéfilas, serialéfilas.

Despois dun anaquiño falando do humano e do divino despedímonos coa promesa dunha estrea de pilchas (“comida” en Numaru), un baile, e unha mona apoteósica. Mandámonos mil mensaxes de ánimo, ti desde o teu hospital e eu desde o meu. E así foron pasando as semanas… E o mundo foi á merda. O teu Twitter avisou un día que pasaba a ser unha conta Covi. 

E case sen termos a posibilidade de tirar o pasmo do corpo, virácheste nun titular: o máis novo dunha lista que nin nos peores pesadelos imaxinaramos tan longa. Tan terrible.

Aínda non o creo. Aínda penso que en calquera momento vou ver unha das túas camisas aparecer pola esquina da rúa, que terminarás aquela historia que deixaches a medias, que te vou poder chamar para enlearte nalgunha desas batalliñas perdidas de antemán, que me vas facer mirar o mundo como só ti podías velo… Pedíchelo, pero quedounos por cumprir: “Cando morra, quero velorio na casa, misa en latín, funeral de corpo presente, ataúde aberto, cuberto con bechamel e gratinado con San Simón”.

Seguro que San Martiño de Dumio nos pasará factura. Debémonos un baile, Esteban.

Comentarios