Opinión

Retratos

Estando un día a voltas cunha reportaxe, en fotografando unhas centolas, a fachendosa señora que as vendía díxome moi seria: “De saír ben mándasmas para o nicho?”
Ao primeiro pensei que andaba de brincadeira, pero non era tal. Así que en canto editei as fotos fixen por que as recibise. Foi a primeira de moitas. Homes e mulleres de distintas idades, despois de seren retratados, fixéronme a mesma petición.

Certo é que hai xente con epitafios ben enxeñosos, poéticos, declaratorios. Pero poucas cousas que me impresionan máis que ver a mirada seria, concentrada, eterna de quen repousa trala lápida. Miro eses retratos cor sepia, en branco e negro, tinguidas, e tento descubrir que historia hai detrás duns brincos gastados, dun colo de camisa bordado, dun pano que axexa... 

Un día parei a rente dunha sepultura. Segundo a foto, alí estaba enterrado un home duns 40 anos, de lombo ancho e rexa queixada. Ao pé, sentada ao sol, cun pano na cabeza, unha muller, pasaba docemente a man pola pedra, retirando porcalladas invisibles.

Mirou para min un cachiño e dixo: “Era guapo o condenado. A foto non lle fai mérito. Era traballador, bo. Tan bo que morreu por iso. Non tiña que ter estado naquel barco. Foi no canto do irmán, que estaba enfermo, porque precisaban a paga. E, por el ir, foi a miña casa que quedou desamparada. Levo corenta anos vindo, corenta anos preguntándolle por que marchou aquel día. Pero nada di. Ou si, pero eu agora xa case non escoito. Se cadra cando nos vexamos, caso nos recoñezamos, acado resposta”.

Cando retrato alguén, tento que sexa unha foto que fale.

Comentarios