Opinión

Recordos

Aviando a biblioteca deime conta, de que realmente o problema non está na cantidade de exemplares senón na de recordos que teño ciscados polos andeis. Pedras, cadros, mostras de aromas, botóns, chapas, fantoches, bolígrafos Parker! E unha rima de estatuínas, pratas, calcapapeis que nalgún momento con toda a boa intención che dá unha asociación, colectivo ou entidade polas túas achegas desinteresadas.

Ao non casar, non tes vaixela de Sargadelos, así que sempre me ilusiono con cada cunca, caixa de bombóns, pratiño, ou cunco. O conto ensaríllase cando "o detalle" ocupa ou pesa máis dun quilo. Unha bótase a tremer cando ve vir o presidente da comisión directiva con algo que carga con evidente esforzo. Así teño traído para a casa en avión ou tren 800 páxinas de actas da cachea das patacas desde o século XVII ata hoxe, 100 láminas a pluma dunha illa, un tambor, unha capela feita con caracois… Pero a palma levouna unha reprodución en cemento do acueduto de Segovia. Tan grande era que tiven que levala co brazo dobrado para que non fose arrastrando polo chan. Lembro a viaxe en autobús a Moncloa, cruzar o túnel cara a Atocha a todo correr, metro á T4 e outra vez a correr; maleta, foulard, acueducto…!!! No mostrador da liña aérea a azafata negábase a facturalo por medo a que rompese todo. En canto o colleu entendeu de vez as miñas intencións.

Pero non houbo sorte: chegou enteiriño. Hoxe en día aínda campa na casa de miña sogra, que o ve ben bonito. Adoro as lembranzas, e máis se son brancas e azuis, ou se se comen ou beben. Para recordos pesados chega ben cos outros. 

Comentarios