Opinión

Panchita

Din na miña casa que son coma Panchito, o de Castelao, ese negriño que, despois de anos en Galicia, marchou á súa terra e volveu coma un foguete, porque en Cuba afogaba.

O certo é que como mulata son unha fraude: nin bailo salsa nin levo ben a calor abafante.

Coma todos, cando me están a saír membranas interdixitais con tanta auga, e o calendario marca 40 de maio e seguimos de saio, quéixome. Pero, en canto o verán chegar, libro baixo o catasol e sombra nas rúas.

Andei estes días polo Mediterráneo, como galiña sedenta, cos brazos no van e a boca ben aberta para atrapar calquera brisa, por nimia que ela for.

O sol implacable, reflectíndose nas casiñas brancas, tíñame catatónica (que non se vos dea por preguntarme por cultura talaiólica, porque seguro que vos conto algo da Odisea, ou dos turcos que invadiron Menorca, todo mesturado).

Camiñaba en stand by cando, nada máis chegar á rúa Santa Rosalía, descubrín que a frondosa e aromática sobra que enchía a beirarrúa era da árbore que acubillou o meu berce. “Paraísos”, chamámoslle en Uruguai; amelia acedarach, o seu nome botánico.

Varias señoras gozaban do fresco nas súa cadeira/tesoura. Unha delas, de grandes ollos negros, movía ritmicamente os ombreiros, mentres cantaruxaba co móbil e Pedro Infante “Quien será la que te quiere a ti, quien será…”

As miñas cadeiras compasáronse cos seus movementos e nun minuto a rúa foi unha festa.

-“Ni coches, ni lujos, ni nada, hija- díxome. Lo que importa es que, seas como seas, te quieran”.

Chiscoume un ollo e seguiu bailando, sen lle importar os 32º.

E por un intre a min tampouco.

Comentarios