Opinión

Oriental

Nos 18 anos que levo en Galicia, atinou co meu xentilicio unha persoa nada máis.

Estabamos nunha comida da Fundación Otero Pedrayo, con Isaac Díaz Pardo do outro lado da mesa. Esperanza Lema díxolle ao mestre que eu era de Uruguai e ao momento el chamou a atención dos que alí había, retando a todos a que adiviñasen a miña nacionalidade. Á fin, esgrimindo un garfo e coa cabeza ben ergueita, declarou: 

-A rapaza é oriental! Ela naceu nunha república que está a oriente do río Uruguai! Faloume despois das súas viaxes pola miña terra; de canto lle gustara aquela xente e as rúas inzadas de librerías, de Torres García, dos pintores da feira de Tristán Narvaja e das cores da illa Martin García cando había enchente no río.

Ao lle preguntar como fora parar a un sitio que tanta controversia tiña levantado, protagonista de mil batallas e penal de varios presidentes, díxome que xa falariamos do conto algo máis tarde (acababan de traer a carne ao caldeiro e a súa atención centrouse no prato).

-Come nena, que arrefece e non é cousa de perder bocado por falar. Despois seguimos. Pasmada vin como repetía e gozaba coma un neno do queixo con marmelo e das gotas no café de pota. Alguén requiriu a súa presenza e levantouse da mesa nada máis terminar.

De alí a pouco inaugurabamos no Museo do Pobo Galego Ao Pé do Lar, unha exposición arredor das lareiras. Isaac exclamou, ollando as miñas fotos: 

-Se os cataláns visen isto habían de dicir: como comen estes galegos! Despois do brinde, onde servimos papas pegas, bertóns recheos e costrada, virouse cara a min e dixo:-Parabéns, oriental! Ti xa es das nosas!

Comentarios