Opinión

O necesario

Do presebre a miña figura favorita foi de sempre a vaca. Nin os Reis, tan desmemoriados eles, que máis dun ano esqueceron pasar pola miña casa; nin o neno, que me parecía bo de máis; nin a nai, que miraba o bebé igual que facía comigo a miña, sempre coa incerteza de non saber o que sería de min e do meu futuro; nin o burro, sempre con poses raras , ou as ovellas, ao seu aire, a comer que era o delas. (como dicía miña irmá: para que foron se nin miran).

A San Xosé tampouco o entendía alá moi ben. Nada sabía eu daquela de paternidades comprometidas. Víao mirando o asunto como outros do seu xénero fixeron durante centos de anos, sen saber moi ben o que pasara. No seu caso con máis razón, todo hai que dicilo.

Pero a vaca era outra cousa. Alí estaba ela, toda calma, tallante, coa mirada sobria e constante, agardando o momento de ser realmente útil, co ubre enchido de fresco alimento. Na miña casa, como en moitas outras, tendo unha vaca, había unha certa seguridade de poder espantar os tempos malos.

Un ano falando coa avoa Rosa, a que traballara nun circo e sabía de caldos fracos, decidimos que as “mulleres” tiñamos que organizar o Belén, que todas viamos esa nai  aflixida de máis; o pai  perdido e os Magos con galanos  que igual eran boa cousa para un palacio real, pero nunha casa de pobres o que facía falta, eran galiñas, patos, pan, mantas e cueiros e un forno de leña.

“Aprendede-díxonos- cando nace un neno o importante é a familia, e poder compartir un prato quente. O resto sobra, tan só é fachenda.

“Non deixemos de lembralo neste ano de cousas esenciais”.

Bo Nadal!

Comentarios