Opinión

Negra

Crieime escoitando risas e mofas por ser negra. A cantos aniversarios e bailes non me convidaron por non ser branca!

Cando me examinei para entrar na escola de teatro preguntáronme se era consciente de que a cor da miña pel me ía deixar sen opcións en calquera dos grandes papeis. respondín que de Otelo si podía facer, e á fin aceptáronme.

Así medrei, nun país que di non ser racista, pero que chamaba "negro gente" a meu pai, só porque fixo carreira.

Cando a profesión me levou a ter algúns titulares e premios, as veciñas comentaban: "mirá la negrita!"

Tiven que chegar a Cuba para me decatar de que non era como eu pensaba. Unha mestra de pel brillante relucente coma unha noite estrelada díxome: "Ay mija, si usté apenas si es café con leche".

Caín na conta de que podía ser guapa cando cheguei a Europa. Tan guapa, que as mulleres agarraban con forza os maridos cando eu entraba nos sitios.

Descubrín daquela que ser mulata tampouco estaba tan ben. E máis sendo latina, que xa se sabe: trópico, calor, lixeiriña de roupa e de todo...

Expliquei unha e mil veces que o Uruguai está no sur, e ata puxen no meu CV que era fríxida e non sabía bailar salsa, para ver se así me ofrecían un papel que non fose o de “luxuriosa latina”. Pero nada…

O raro é que me miro no espello e tan só vexo unha persoa cun ollo máis pequeno que o outro, e a boca que me ri máis cara á esquerda.

Sigo sen entender que o color da miña pel, ou a de calquera, sexa un pasaporte á bestialidade , ao perseguimento, ao asasinato.

O pintor segue esquecendo pintar “angelitos negros”.

Comentarios