Opinión

Moderno sono eu!

Nas últimas semanas andei contando historias polas escolas do rural. As aulas eran todas elas unha festa de reencontros, preguntas e apreciacións atinadas.

Aprendín neses días que non é o mesmo “carracho” que “carracha”, e que o conto pode ser moi distinto segundo a palabra usada.

Nun recreo dunha unitaria aínda me agardaba algo chocante de vez: debaixo duns piñeiros varios nenos rebuldaban nun xogo que eu non era quen de entender: en apañando do chan maínzos de iscas que enchían a pequena chaira, botaban a correr coas mans pegadas ao corpo, mentres cos dedos ciscallaban con avidez todo canto levaban. Segundo ían baleirando a presada empezaban outra vez coa particular chuvia de estrume. 

Mentres eu sentaba para mellor ver, un deles, o que parecía que mandaba, chantoume: "Afasta de aí ou vai cambiar a roupa!". Arredeime, claro! Ao lle preguntar o que estaban a facer mirou para min con abraio: "Estamos estercando!". Outro cativo achegouse, pero negándose a participar do xogo. "Levo chándal novo". 

"E logo?" -preguntaron os estercadores- "Que ten de especial que non podes rebeirar?"."É moderno!" "Moderno son eu", dixo o de antes, "que controlo as vacas co ipad!". Case sen me decatar, caín noutro erro ao preguntarlle se o seu pai era gandeiro. "Non ho, éo miña nai! E eu vou ser coma ela. Ser gandeiro, e levar o tractor coma ela, que é moito!" Acougou un momento e foime falando polo miúdo de terras, cultivos, motores, ventos e aires que olen a choiva.

Preguntoume canto leite daban as vacas de Uruguai, pero axiña botou a correr mentres se escusaba: "Vou seguir, que aínda ten medras o día." Como diría Celsiño: “O que é falar con autoridá!”

Comentarios