Opinión

Mellor non pensar

Dicía Galeano que, como todo uruguaio, quixo ser xogador de fútbol, pero que se sabía bo en soños nada máis. Como seareiro disque tampouco valía gran cousa, porque se sentía máis abraiado polas xogadas que polos equipos e así acababa celebrando goles que ás veces non eran do bando propio, senón do contrario; seica para iso acabou por se volver mendicante, para percorrer estadios pedindo bo xogo, sen lle importar club ou país.

Quen me dera saber o que diría hoxe en día, diante dun mundial a celebrar nun sitio onde se violan de maneira sistemática todos os dereitos, onde se disputan partidos en estadios lixados polo sangue e a suor de miles de traballadores escravos. Medio mundo berregando emocionado; o outro medio, protestando ante tanta barbarie.

Pero a colaboración do fútbol profesional e as ditaduras e a conivencia do mal chamado "deporte rei" cos peores trazos da humanidade, non son cousas do Qatar 22. Veñen de ben lonxe.

Vólveme á cabeza cando hai tempo destapei unha botella de cervexa por un aniversario meu e acabei levando o primeiro premio, ir coa selección uruguaia de fútbol a todos os partidos das eliminatorias para o mundial de Corea 2002. Percorrín a América Latina enteiriña; daquela aventura conservo aínda un voucher coa orde de voo e o hotel de cada país e unha boa manchea de historias.

En Bolivia vin como se enchía a tribuna dos seguidores da albiceleste (non máis de mil) con ex combatentes da Guerra do Chaco aos que premiaran cunha entrada para un partido de fútbol. Indíxenas quichuas e aymaras, pobres de vez, marxinados da vida, que cobraban unha mísera pensión; octoxenarios todos, con parches na cara e brazos ausentes, suplindo pernas por avellentadas muletas. Cada un campando con orgullo de vellas e esbrancuxadas chaquetas militares, das que penduraban pequenas medalliñas de latón dourado. Eles eran os únicos con dereito a permaneceren sentados mentres se cantaba o himno, ben o tiñan gañado a bala e sangue pelexando contra Paraguai por terras inzadas de petróleo que hoxe explotan multinacionais.

Na Arxentina aterecía co frío, no corpo e na alma, lembrando como no 78, no estadio onde estaba eu daquela, xogaran a final Holanda e "La Argentina".  Á hora de recoller o trofeo como vicecampións, os neerlandeses liscaron do campo, negábanse a darlle a man ao ditador Videla. Unhas horas antes, na reunión que tiveran coas nais da Plaza de Mayo, Estela de Carlotto contáralles que "mientras se gritan los goles, se apagan los gritos de los torturados y asesinados". Así o corroborou un dos detidos da ESMA anos máis tarde perante un xuíz.

No Brasil lembrei os negros que nunha época xogaban coa cara enzoufada de talco para pareceren brancos; en Chile, as mans mutiladas de Victor Jara; en Colombia, os homosexuais asasinados na limpeza social practicada pola policía…

No campos o balón boleaba sen rumbo; fóra, a xustiza procuraba  gorxas que lle fixesen eco. Xa llo dicía Vicente Calderón a Franco: "Que a xente vexa fútbol, así non pensa en cousas perigosas".

Comentarios