Opinión

Matiné

Cando os cacahuetes se chamaban maní e os flocos de millo pororó, os domingos pola tarde eran para a matiné.

A ditadura xa era historia, pero no cine persistían as tallantas da censura. Así que as nosas opcións limitábanse a Cantinflas, a Laurel e Hardy ou a Luis Sandrini.

Tamén estaba Disney, pero non me caía nada ben un tipo que aínda non se enterara de que as nenas de pel escura existiamos.

Un día os carteis que anunciaban películas para "maiores" empezaron a chamarnos a atención e non tardamos en descubrir a maneira de meternos na sala dos grandes cando todos pensaban que estabamos sufrindo co coitado de Bambi .

Que tardes maravillosas, co corpo en erupción confusa, con devezos, que non sabías nin de onde viñan e ao mesmo tempo con mirada de "isto eu xa o sabía".

Nestes días a 2 de TVE estame regalando a posibilidade de revivir aqueles ciclos de clásicos que compartía coa miña tía Rosa. Foi por ela que me namorei de señores que cando menos podían ser avós meus, se xa non estaban noutros limbos.

Para cada actor tiñamos un sabor de caramelo diferente: fresa, toffe, anís e menta. Menos John Wayne, que pedía goma de mascar. Ela remoía a diferentes intensidades, segundo o que pasase na pantalla, e eu facía globos que colgaban inchados na miña boca, mentras os bicos esixían ás actrices unha elasticidade de tronco engaiolante.

Pero nada comparado a Wayne coa camisa branca mollada pola chuvia beixando a Maureen O'Hara en “El Hombre Tranquilo”.

Nestes días de ficar na platea, volvín a comer lambetadas esperando que cando amaine a tormenta, alá fóra brille o sol.

Comentarios