Opinión

Maracaná

Aprendín a ler nun libro que se chamaba Maracaná, gloria de un pueblo. Na portada víase un xogador pateando un balón ao infinito. Era Obdulio Varela, "el negro jefe", o capitán da Celeste, o artífice do partido histórico.

O Brasil xa tiña preparado un carnaval de celebración do mundial, cadanseu reloxo de ouro para os xogadores, co nome e o ano da xesta gravado. Os xornais xa imprimiran a portada da vitoria, sen segunda versión. O presidente da FIFA sabía de memoria o discurso, que saíu a ensaiar cando o partido aínda estaba polo empate; pero, en canto volveu, atopouse coa banda de música e 173.850 gorxas mudas.

Ninguén agardaba que aqueles negriños comedores de churrasco, con escasa indumentaria, fosen facer historia. De feito, case non hai fotos.

Estaba trazado pintar o estadio coas cores do equipo vencedor. Todo o Brasil imaxinábao de branco, ese color que nunca máis puxo a selección, pintouse de celeste ata hoxe. Din que pola bandeira de Río, pero non.

As nais umbandas decretaron que o verde e amarelo serían as cores da sorte. E así foi. O Museu do Futebol do Río de Janeiro queda pequeno para tantos trofeos. Pero poucos saben que hai unha sala enteiramente pintada de negro, que reza na porta: "Em memória do día mais triste, 16 de julho de 1950".

Esa noite Obdulio entrou nun bar a tomar algo mentres os demais celebraban en Copacabana. Acabou abrazado aos brasileiros que choraban a súa derrota, tomando cachaça e bailando samba.

Obdulio Muiños pasou á Historia co apelido da nai, Varela. Sempre dixo que as mulleres coma ela eran Maracanazo de vez.

Comentarios