Opinión

Maquillaxe

Helena Rubinstein creou durante a Segunda Guerra un labial  vermello combatente. Churchill estivo menos afortunado ao dicir que igual que para os homes era esencial o tabaco, as barras de labios érano para as mulleres, e proclamounos “artigos de primeira necesidade”. Fose como for, no medio de tanto gris os beizos daquelas mulleres famentas de todo simbolizaron moito máis que un slogan de guerra.

Vin que se está disparando a venda de sombras, lapis de ollos e esmaltes. Hoxe en día, coas máscaras cubríndonos, comprobamos que o indeleble dalgunhas maquillaxes significa que non se borran dos tecidos nin con lixivia.

Hai uns días, a espera do verde no semáforo, buscando recoñecer outras mulleres guerreiras, un home chamoume a atención pola esaxerada, case deforme, musculatura do seu torso, en relación coa pequena cintura e as curtas pernas. Vestía bermudas e camiseta de tirantes color turquesa!

Miroume como creo que non me miraban desde os vinte: fixamente. Cruzou como un foguete ao cambiar o semáforo. Eu, detrás, lenta, coa miña compra, o meu menisco ás costas e un certo prexuízo. Xa no outro lado, cun chisco de distancia entre os dous, virou subitamente, cara a min. Debín de poñer unha cara espantosa, porque de contado aclarou:

-“Fásteme coñecida. Unha vez fuches contar contos a (e citou un centro penitenciario). Falamos das túas historias, e de ti, moitos días. Pero o que mola son as túas uñas! Resistencia compañeira!”

Partiu con paso firme, mentres eu quedaba ollando as uñas, pintadas da mesma cor que a súa vestimenta. Botei a andar cara á casa, sorrindo. E notábaseme, aínda coa máscara.

Comentarios