martes 22/06/21

Mala herba nunca morre?

Na aldea andan aínda procesando iso de que eu sexa muller da cultura e agricultora.

Agora menos, pero ao primeiro miraban con desconfianza aqueles métodos traídos do outro lado do charco ou aprendidos no youtube doutros horticultores ecoloxistas. Desde as guías para os tomates a certas plantas que por alí ninguén se anima (animaba) a comer e aos meus estraños horarios de sementeira, rega e limpeza. Conforme eu ía aprendendo deles, fun vendo con alegría que algunha das miñas "raras" ideas xa non o son tanto e mesmo van adoptándoas.

Primeiro foi a malla antiherbas; despois, a regadura automática, a incorporación de variantes de tomates ou coles de Galicia e ata berenxenas italianas ou cabaciñas gregas. 

Pero se houber algo que nos une de vez é a loita  contra as mimosas e mais as "putas xuncas". Tanto ten cantas arrinques, volven sempre, coa súa cebola redonda que se agarra como se non houbese un mañá, con esas follas largas e finas que atravesan compost, mallas, cartóns ou o que sexa. Suso, o do tractor, teima por botar herbicida, pero eu non lle deixo. Di que xa virei ao rego. O certo é que por estas datas cada tarde collo un tallo e séntome a escoitar a de Verto, mentres as vou arrincando coma se fosen cabezas de eólicas, fortificando a pinza dos meus dedos rifando con elas. Ben sei que o meu triunfo é pasadío, pero, ou moito me engano ou cada ano son menos; no entanto, aínda hai de máis.Coma todo na vida, o conto é resistir, sopesar o bo e o malo.

Porque a carón delas, florean as rosas e a horta toda. Sempre compensa loitar e, se for contra malas herbas, máis aínda.

comentarios