Opinión

Maio, vén!

Como boa artista sonvos moito de cábalas e supersticións. Colecciono breves rituais que me regalan unha certa paz á hora de encarar momentos importantes.

Hai anos rubía polas pedras do río Toxa na procura dunha fotografía, cando de súpeto apareceu unha muller saída do nada, con dous galanos para min:

Un, como escoitar a conversa dos trasnos, e dous, a maneira de que o meu amor por esta terra e o meu Manuel durasen para sempre.

Dos trasnos falamos outro día. De nós, de amor, falarei hoxe, que mo pide o corpo.

“Unicamente tes que facer, mellor cunha man que coas dúas, un nó nunha xesta do camiño”, dixo ela, mentres, como nun acto de maxia, as gallas do arbusto mudaban de tesa vara en redondo conxuro.

“Non é cousa de abusar -avisou- tan só para o importante de vez.

E da rama florida, fai por tela á man cando maio entrar”.

Desde aquela, peregrino cada último de abril cortando xestas como quen recada raiolas de sol para colgalas pola casa, no coche, e debaixo do traveseiro.

Hai cousa dun ano paroume a garda de tráfico na autoestrada de Burgos. Alarmada, boteille axiña unha ollada ao contaquilómetros.

Grande foi a miña sorpresa cando o policía me pediu que lle explicase ao compañeiro para que servían as flores amarelas.

“Pero vostede non é galega”, replicou o colega, como se a procedencia fose barreira para crer en algo. Non, dixen, pero adopto calquera cousa que signifique desexar cousas boas para min e os que quero.

Hoxe que non sobran amparos, penduremos unha xesta florida no corazón.

Cantemos xuntos por "Un maio sen bruxas nin demos".

Comentarios