Opinión

Lupe

A primeira vez que escapei da casa collín as miñas posesións máis prezadas: un libro de contos, as miñas bragas novas e a chupeta.

Aínda que non contaba tres anos, cheguei lonxe, e iso que a ditadura naquel Uruguai da miña nenez non che deixaba andar moito sen presentar os papeis. Desa fuxida miña nai salientou sempre que bo fora que tivese a precaución de levar bragas novas.

Non sei a vós, pero a min o de saír da casa cos “interiores” máis novos por se pasaba algo e te tiñan que levar ao médico, quedoume gravado para sempre.

Aínda hoxe, liberada de crenzas e crianzas opresoras, son incapaz de ter en obscena mestura as bragas vellas coas novas.

Non chego ao nivel da miña “señora madre”, que tiña un caixón de roupa interior para ir ao médico, pero algo hai. Imaxinade a vergoña que pasei hai uns días cando fun facer unha resonancia magnética do xeonllo e me decatei de que puxera as bragas de estomballarse no sofá. Eu pensando que chegaba con levar un pantalón ancho, vinme de súpeto na bata da ignominia, metida no Dona Dana da imaxenoloxía. 45 minutos de chunda chunda! Non sei se foi o ruído infernal, ou as luces, o certo é que me imaxinei bailando como se non houbese un mañá. E, acompañada na coreografía, con enfermeiras, celadoras e técnicas, todas de bragas refulxentes.

Vestinme coa sensación de cando soñaches algo bonito e queres seguir durmindo ata que se volve real. No mostrador unha celadora dicía: “Pode baixar alguén? Que estou soa con 20 angarellas para raios”. A nosa sanidade si que precisa unha muda nova.

Comentarios