Opinión

Lume novo

De pequena imaxinaba que nunha noite coma a de hoxe só podían pasar cousas boas no mundo. Despois, a vida foime quitando a idea da cabeza. E ben que me pesa. Andamos todos necesitados de boas novas, de esperanza, de promesas realizables. Mentres a casa arrecende a pan e mel, ourego, cravos e castañas e as potas falan unhas coas outras, pola pantalla do móbil axexan os afectos espallados polo mundo.

Case non ousamos desexar cousa ningunha, a realidade golpeounos con dureza de vez.

O prezo das apertas cotiza en bolsa e devecermos por ter moitas accións, porque por fin nos decatamos de onde está realmente a riqueza.

Na mesa non imos estar xa todos. E venme un desexo ao sentido: mentres fóra zoa o vento, na lareira, real ou imaxinaria, acendamos un lume novo.

Toca coidalo, mirar que se queime devagar, para que as ánimas dos defuntos se acheguen a el sen medo. Vale de bidueiro ou freixo, pero, se for posible, mellor que o que arda sexa carballo. O tizón, o cepo de Nadal, ten que seguir aceso até aninovo, di a tradición. E, cando o ano novo trouxer tormentas, das de fóra e das da alma, cómpre prendelo outra vez. 

As cinzas non as tiredes, serven para curar febres e para que a nai Terra, tan castigada por eucaliptos e centrais eólicas, se nutra e resista. E se á calor do lume contades ou cantades, nin ides precisar repartir regalos deses que veñen con tíckets para seren trocados. Hai presentes que non son para devolver nunca.

Se o lume chegar ao amencer, haberá sorte todo o ano.

Que a noite veña boa. Feliz Nadal.

Comentarios