Opinión

Lacón trufado

Leireabamos polo Incio, baixando polo antigo camiño de peregrinos cara á igrexa que din que fixo ou demo nunha noite soa. Manuel, o sancristán da igreza románica do Hospital, fíxonos rir e emocionar a partes iguais coa súa maxistral maneira de narrar. Vibrabas coa súa voz, vías os lobos que baixaban tan rápido do monte que ardían as follas baixo as súas patas, percibías o medo dos homes que corrían, para colgarse da cadea do perdón e salvarse dos que lle perseguían, escoitabas a voz de Ánxel Fole dando clases no pazo de fronte… De broche de ouro, comida antolóxica na xa desaparecida casa Veva, en Foilebar.

Non sei como, ou si, que o mundo é un pano e andan poucas mulatas fotografando románico rural, Marica Campos decatouse e ameazou, que non podiamos volver pola súa zona, sen comer o lacón trufado, receita da súa nai.

Por unha cousa e por outra os anos pasaron por nós. Pero os astros aliñáronse e por fin, chegou o día. A Val do Mao que fomos. Ao pé da carballeira, rodeados de plantas e mil cerámicas, fomos viaxando entre viño e sabores. E así o mantel volveuse páxina onde escribir recordos deses que se saborean por tempo.

Cando por fin o prometido chegou á mesa, tiven un momento de medo e a anfitrioa tamén… Máis non había porque telo, ao levar á boca un bocado, envolvinme en néboas, terra, fume, sal antigo e laranxas do país.

Sei que recibín un agasallo moi prezado, porque no xeneroso xesto de preparar esa receita, entrei a formar parte dunha memoria moi longa.

Comentarios