Opinión

‘Influencer’ de aldea

A     nda a aldea alborotada porque saíu no Hola. Foi de raspallón e de fondo dunha voda, mais saíu. E aínda que parece que vivimos tempos modernos, un dos contraentes era príncipe ou fillo de e o outro (outra) influencer. Nunca tal se oíu pola parroquia.

Na pausa do tractor, no bar e mentres se recollían pementos e se lamentaban do mal que están os tomates este ano, xurdían as elucubracións ao redor da palabra. Pouco importa que a magna revista da capital tente facer un paralelismo coa voda de principios do século XX, dun avó do actual noivo e unha nobre que marcaba tendencias no seu tempo ditando modas en salóns, o miolo da cuestión é descubrir de que vive unha influencer.

No supermercado de Ponche Ulla, acabáronse as revistas nunha mañá. Eu a primeira, paso as follas rápidas para descubrir se nalgún ángulo morto das fotos ven as árbores da miña leira. O vestido da noiva é dun modisto galego, comentamos con orgullo de fillo alleo.

—Moita marca e moito aristócrata, pero bailaron reguetón, que ben se escoitaba, dixo unha das veciñas.

—Si, pero despois das gaitas, alegou outra.

—Sería nos xardíns, dixo unha das maiores, porque de subir á torre igual se lles vén o piso abaixo, que iso xa pasou unha vez e que desgraza que foi todo.

O de influencer segue sen quedarme claro, exclamou Maruxa, agora ben, a voda fíxose no pazo, porque a princesa nai do noivo é curmá da duquesa, fixo que lles saíu gratis.

Ha de ser iso ser influencer

Comentarios