Opinión

Hit

Escoitei hai tempo a Manolo Rivas contar que un veciño lle dicía sempre nada máis velo:

-Fai un best-séller, Manolo.

O que viña sendo: “Está ben o que fas, pero que se entere máis xente”.

Algo así veume á cabeza estes días, escoitando opinións dun lado e do outro, a prol e en contra da lingua nai, que para uns é indiscutiblemente unha fala de seu e para outros só aquela á que uns ignaros chaman “dialecto”.

Certo é que como uruguaia neofalante a pregunta que máis debo responder é “Por que?”. Véñenme coa trécola de que é un idioma que falan catro gatos, que con quen me vou entender… Como se o valor numérico fose o máis importante. Como se raíces, propias e asumidas, sentires, memorias, quereres, respecto, identidade, autodefinición e historia non fosen dabondo. Pero se o que queren son números penso que debiamos facerlle caso ao veciño de Rivas e argallar un best-séller, o que hoxe en día vén sendo un hit, un trending topic.

Por cousas que non veñen ao caso souben dunha canción que leva máis de mil millóns de reproducións. Báilana e cántana polo mundo adiante, en todas as nacións do planeta: en familia, entre amigos, cos compañeiros de traballo… Todos xuntos peneirándose en harmonía nestes tempos de quietude. A letra disque está escrita en “venda”, unha lingua minoritaria de África en perigo de desaparición, que agora queren recuperar aulas e comercios e campa con orgullo en camisetas e bocas.

E digo eu: Se todo deus dá cantaruxado “Jerusalema ikhaya lami/ Ngilondoloze/Uhambe nami” ben pode aprender “Vai tu, vai tu, vai ela, vai tu prá casa dela”.

Que tremele Tik Tok!

Comentarios