Opinión

Grazas

Disque teño man para o pan e as plantas. Para o primeiro, as mulleres da familia tivéronme horas amasando ao seu carón; para o segundo, miña avoa levoume por vieiros recitando nomes que hoxe, a este lado do mundo, mudan por outros, sendo as mesmas cousas. Cada planta serve para algo: tose, barriga, febre, regra, manchas na pel, picaduras, insomnio...
A pesar das miñas reservas, un Venres Santo,que é o día para o traspaso destes saberes, pegoume os seus rezos. A dicir de miña avoa, ese día non se pode varrer porque o demo anda facendo canto mal pode, agochado ata no último lixo.

Para a miña desesperación, durante anos amigas e descoñecidas trouxéronme os fillos para sanalos de empacho, ou curar do mal de ollo. Creo que o récord téñoo con alguén que me pediu que curase o fillo mentres eu estaba no Perú e o neno en Soria!!

Un día, camiño do Pindo, pasamos por Baia, onde alguén me dixera que había unha meiga de moita sona .De contado unha señora foinos contando polo miúdo: que a meiga curaba de libro, que se o mal era importante quedabas a durmir; que non pedía cartos, pero se lle cortabas a leña, lle sementabas, ou lle mirabas polas tellas ou a despensa, dábao por pagado. Que xa morrera, pero que os que foran curados por ela podían sanar tamén. Díxonolo mentres estiraba a man por se era eu,a que precisaba do seu don.

Hoxe que non nos podemos tocar, penso que temos que aprender nomes e a historia de tantos e tantas, que sen máis protección que o seu compromiso, nos están sanando.

Tecer unha manta de memoria agradecida que os protexa por sempre.

Comentarios