Opinión

Friaxe nos ósos

Unha lene penumbra acompáñame no remate do percorrido. Coa pel entanguecida aínda, carrexo area pegada nos pés, mentres as bágoas que bican os ollos puxan por saíren. Despois do clac metálico no armario, collo as miñas sandalias vermellas e encamíñome cara á saída.

O bulideiro maxín porfía por procesar imaxes e veñen a min como en flash incesante os momentos nos que aquel militar me apuntaba á cabeza. Coa lingua trabada polo medo, as pernas fraquean finalmente, mentres mil afiadas pedriñas aguilloan os espidos xeonllos, o vento cóbreme a cara co pelo e a camioneta cégame os ollos coa luz dos seus potentes focos.

O meu pavor é tanto que só atino a mirar arredor miña e ver como caen a muller que acubilla un petís co seu corpo, un home escudando a súa filla, a nena que non coñece ninguén de cantos a rodean…

Despois non se escoita máis que o zoar do vento cruzando o deserto.

O espertar do horizonte vai perfilando siluetas no vougo areal. Ninguén á vista.

Fico eu soa no medio do nada. Os coñecementos previos lévanme instintivamente a buscar un sendeiro e seguilo ata atopar, con toda seguridade, unha poboación.

Pero non hai ren. Soamente as pegadas dos que xa non están; algún zapato, os despoxos dunha pucha e unha boneca de trapo toda esfolada. Imposible saber cal é a dirección que te levará á morte ou ao arelado soño dun futuro mellor.

Ao final do corredor unha silueta permanece estática, tanto que a imaxino parte da realidade aumentada que acabo de vivir.

Ao lle ver asomar as lágrimas, brillando coa luz dunha das pequenas pantallas que hai ao longo do escuro muro, decátome de que é outro espectador de Carne y Arena de Alejandro González Iñárritu.

Rostros en primeirísimo plano contan a súa travesía polo deserto, como sobreviviron aos coiotes, á policía, ás augas do río, á sede daquel ermo e ao intenso frío das "hieleras", eses cuartos en territorio de ninguén onde esperas e desesperas sen saber cal vai ser o teu destino. As súas historias doen máis que abrazar un deses saguaros xigantescos do deserto.

A ditadura militar do Uruguai botou man do humor negro e colocou nunha vila chamada Libertad un dos maiores centros de tortura e reclusión de presos políticos

Doen como esas tumbas sen nome onda o valo de Melilla.

Fóra agárdame o verán, cun sol estrañamente tallante en Compostela.

Mais, pese á calor abafante, pasan os días e unha parte de min segue aterecida. Teño o corazón entalado.

A ditadura militar do Uruguai botou man do humor negro e colocou nunha vila chamada Libertad un dos maiores centros de tortura e reclusión de presos políticos. A ese lugar, co número 426, levaron a Raúl Pacho Speroni.

Conta Roberto Meyer que chegaron ao cárcere após unha temporada de atención personalizada no batallón número 8 de Paysandú.

Alí, encarrapuchado onda máis de cincuenta "indios", atados a colchóns, en interminables rondas de tortura, Pacho inventaba mil e unha para manter a  moral, conseguía tabaco, contaba chistes, cantaba.

Oito interminables anos e despois o exilio co seu amor, Perla, outra guerreira da vida.

Cando dei con eles estaban xa de volta. Solidarios e xenerosos como eran botaron o "Paisito" ao lombo.

Todo por facer. Con eles descubrín que os cambios se conseguen desde abaixo.

Foi Perla quen coseu o primeiro vestido para o meu debut nos escenarios, mentres Pacho me contaba mil anécdotas que enriqueceron as miñas historias. E, sempre, sempre, algún tango polo medio.

Aínda gardo con cariño nalgún libro, que espero apareza en breve, as follas con letras manuscritas que me regalou antes de vir eu para Europa. "Pa' que junen lo que es bueno", dixo co seu sorriso ladeado.

Como sería de tanguero que foi morrer un 9 de xullo, o día da independencia das Provincias do Río da Prata, data inmortalizada nun tango de Padula, popularizado por D'Arienzo.

"Se murió tranquilo", dixo o seu fillo.

Foise sen ir a ningún lado, como quen xa viviu dabondo... a paso lento, coma un xigante.

Non marchaches, Pacho, os compañeiros sementan Frente Amplio!

E vólveme o frío, aínda que esteamos en agosto. O mesmo frío que percorre as abas do Courel, de Valdeorras, da Serra da Culebra.

O frío dos que asasinan, torturan, trafican.

Contra o frío da morte, antepoñamos a candidez dun soño novo.

Comentarios