Opinión

O esquecemento, preñado de memoria

Dicía Borges que a moeda da memoria leva na súa outra cara o esquecemento. Nesta altura da miña vida, cuns poucos quilómetros andados por este país, aínda me abraia ver como o imaxinario convive co real, nunha harmonía difícil de percibir por quen queda só na superficie das cousas. Hai quen prefire desprezar ese tesouro e etiquetalo como "cousas de antes ". Como se o de antes non fose un terreo seguro onde habitar en calma.

Máis dunha vez, preguntando por unha lenda, teño recibido un galano maior. Estas conversas adóitanse dar en cruzamentos de camiños: o que vén pregunta; o que vai, responde. O corazón dunha doncela que florece ao clarear o día, nun camposanto abandonado, só unha vez ao ano; un canonazo que derruba unha torre, un queixume que percorre o valo caído, xa inzado de silvas e toxos; homes que cabalgan polo alto dun outeiro, detrás dunha casa grande...

Encandéame ese sentido de pertenza a un discurso que ten ás veces centos de anos. Ese ser consciente de que vimos deses tempos e que lles deixaremos os de agora a outros. Por iso non me cabe na cabeza que alguén queira negar a súa herdanza. Non aceptala e valorala é renunciar a unha leira da memoria que ten moito máis valor que eses terreos ermos que amoreamos por se un día se venden. Agora que todos sentimos morriña de como era o mundo hai tres meses. Agora que por unha conversa próxima e unhas risas dariamos o que fose, é hora de enchermos a casa de memoria, para bater o esquecemento e parir un tempo novo.

Comentarios