Opinión

Esperanza

Á miña tía Esperanza tocoulle a mellora. Coidar dos pais, dun tío, dos irmáns solteiros, dos que volvían, dos fillos que as irmás ou sobriñas non daban atendido en tempo, de preñez complicada ou faenas ineludibles como a malla ou a matanza. Amencía e xa andaba prendendo o lar, mirando polo lévedo do pan, o soro dos queixos, o batido da manteiga e o canto das  poñedeiras.

Repartía almorzos e medicinas aos vellos, mentres peiteaba nenos. Aleitaba cuchos e ventilaba cuartos mentres  poñía guisos, recollía a roupa do clareo, lustraba zapatos e batía unha torta. En canto tiña todo encamiñado, ía á compra, ao correo, á botica, á parroquia e cas dalguna veciña que lle encargara bordados.

Cando chegou a forestal á vila facía horas sementando piñeiros.

De volta na casa, daba de comer, primeiro a nenos e vellos, despois aos homes que volverían ao traballo en canto o sol non picase tanto.

No silencio dourado da sesta cosía e ata lía algunha revista. A berros poñía a todo o mundo en movemento ou en pausa. Non se facía nada sen a súa beizón.

Na casa mandaba ela: mandaba sentar para ela servir, mandaba durmir (para ela traballar), mandaba sementar para ela amasar…Os hombres da casa, coas camisas alisadas deixábana mandar e facer, sabedores de que  o permiso de mandar era deles. Raíña do noso universo privado, criada no mundo dos homes.

Así aprendín que o matriarcado ten pouco, ou nada, que ver coa igualdade. E quen o cre estanos negando.

Tía, por ti e tantas invisibles coidadoras da vida, o domingo a rúa.

Comentarios