Opinión

Esconxurando

Preguntáronme estes días se cantaba cando andaba traballando na horta. Ao dereito decateime de que hai tempo que xa non. Non sei nada de música, porén abráiame a harmonía afinada que xorde cando cantamos a coro. E non falo deses balbucidos estraños que entoamos nos concertos cando queremos facer ver que o gozamos máis que ninguén, mentres ideamos letras ou pronunciamos só a sílaba final. Falo dese cantar que motiva e dá folgos para botar leña nun carro, levar a roupa ao lavadoiro, amasar, ou varear a la dos xergóns. Ese canto que se vira mantra cando o movemento repetitivo entala os músculos. Falo daquela melodía que acompañaba as multiplicacións nas aulas, ou afoutaba os estudantes nas manifestacións. E que dicir desas cancións que con palmas e baldes virados de cu eran a rolda, o baile de mocear, a liberación da tensión de tantas horas de faena. A tal hora que temos pan de deseño, lavadoras e colchóns de poli non sei que, cantamos pouco ou por compromiso.

Nestes días do Atlántica, Luis Prego animounos a bailar en Cervantes, cadaquén cos seus; xiros, viraxes, puntas, pasos en falso e finalmente a risa e a alegría como melodía, borrando todos os espazos perimetrados. Na outra punta do país, heroes durmidos espertaron na Torre de Castroduro. Manu Panforreteiro, púxonos a cantar a todos cuns versos inéditos de Manuel María dedicados a Pepa a Loba. Nos dous sitios parecía que quería chover... e, de súpeto, chegou a maxia! A voz e a danza axotaron as nubes e brillou o sol ao fin. Escorrentemos os males, cantemos todos xuntos.

Comentarios