Opinión

Escoitar de vez: unha arela máis

Desde hai dez anos o románico e mais eu temos unha cita para o almanaque d' O Sorriso de Daniel, sempre arredor dun tema; este ano, "As desterradas", mosteiros de monxas bieitas  perseguidas pola Corona de Castela e obrigadas a deixar terras e liberdade para viviren recluídas nunha vila asoballada por curas e bispos. 

Así fotografo San Xiao, San Xillao, San Pedro, San...santos de pedra, tamén homes que pouco ou nada deron feito para protexeren as súas freguesas.

Por medio da obra de Carme Varela podemos albiscar os últimos días das mulleres de Albeos, do seu crebar emocional mentres reparten eses bens, que preferirían mil veces que fosen  aproveitados pola súa xente antes que estragadas por un abade de Valladolid; a súa rabia, a súa impotencia e as súas frases de alento e consolo.

Tan só os que un día deixamos o noso lar, sabemos o duro que pode ser sentir que a túa vida se baleira de todas esas pequenas cousas que teñen detrás unha historia, a túa historia. Como unha cebola vas perdendo capas e non te recoñeces, choras e berras no medio dese naufragar, buscando algo onde te anoar nun temporal de emocións que che esgazan as entrañas.

Nas Desterradas, Sor Elvira decide voar libre desde o alto do campanario da igrexa, antes que marchar a un lugar onde cada día mascaría a súa amarga derrota. 

A historia desgraciadamente, segue igual, sempre hai desterradas da súa casa, da súa terra, do seu corpo, do seu sentir...

Verónicas de ás rotas que intentan voar lonxe. Semellan ser de pedra, pero, como o románico que non se coida, desaparecen sen dó.

Comentarios