Opinión

Engurras mentais

O bo de ter insomnio é que aproveito ben o treito de tarifa económica da electricidade e poño lavadoras ou paso o ferro ás tres da mañá sen poñer espertador. Ben sei que debía pasarme á tendencia de certo modisto que atopa bela a engurra, pero non son quen. Na miña fobia teño chegado mesmo a pasarllo a unha Georgette! 

En proporción coa miña manía está o meu odio visceral ao xugo do ferro de pasar. Inqueda como son eu, o tempo amarrado ao artefacto fáiseme un símil a ter a “perna quebrada”.

Tiven unha veciña que cría o seu tempo de alisar a roupa como algo marabilloso. Adoraba a soidade do cuarto, onde camuflaba co vapor do aparello o fume do cigarro prohibido mentres miraba melodramas brasileiros na tv que desterraran do salón. Aquel cu firme  e ao aire de Vadinho de Doña Flor e os seu dous maridos, ben valía unhas horas de labores domésticos.

Inspirada nesa estampa, cando aliso a roupa miro telenovelas tamén. 

Son tan malas todas que en acabando de encartar  a última peza (como se precisase máis motivos!), redobro o meu compromiso feminista e saio disposta a levantar barricadas alí onde fixer falta. Por sorte unha destas madrugadas descubrín un merlo branco, unha serie que acompaña un personaxe transxénero adolescente desde o inicio do seu autodescubrimento, as reaccións do contorno familiar, educativo, social…Fálase  de violencia machista,clínicas ilegais de abortos, maternidade subrogada, inmigración perseguida, amor en familias non tradicionais…

Como diría a miña veciña: dá xenio ver cando á tele lle cae a caspa.

Comentarios