Opinión

En negro

Esperando a miña vez na froitería do barrio, vexo, onda a caixa deses caquis que non sei quen merca, un cartel de Compostela en Negro. Unha muller, penso que non máis vella ca min, moumea mentres escolle laranxas:

-“Xa estamos con esas gaitas outra vez. Nin o bicho as para”.

Non sei que é o que me doe máis, se o comentario ou o feito de que fale en terceira persoa. Ese “non ser parte” das que andamos "coa gaita" acaba comigo...

Como adoita pasar con estes temas, logo nunha carreira, aparecen “cuñados” que, avalados en sondaxes de opinión publicadas, certifican que "o da violencia" xa non se leva, que coa crise que aturamos non se pode andar gastando en carteliños.

Acordeime daquela doutra crise, que me colleu de xira por Aragón. Alí estaba eu, contando para varias asociacións de mulleres unha historia de Rosa Montero que xeraba unha participación moi activa: a dun desgraciado que maltrataba a esposa. De socato, da cuarta ou quinta fila abrollou a voz dunha muller, abrigada de máis, que borboriñaba baixiño, pero ás claras, que ben a entendemos todas:

-“Así mesmo é, así mesmiño. Ben sei o que dis. E é boa cousa que fales diso. Porque cando non se falaba parecíame ser dobremente desgraciada, polas que pasabas na casa e porque a xente de arredor non o daba entendido  Pero agora, que xa pasou a crise, denuncieino”.

Esa acordanza devolveume a voz e, cando estaba para retrousar con ganas, unha moza desas do fol quentiño abriu a boca e sacou o que tiña dentro. Falou tan ben, da violencia en tempos de crise, que da emoción levei caquis para a casa. E mira que os aborrezo!

Comentarios