Opinión

Efecto bolboreta

Trinta anos levaba Trujillo á fronte da ditadura militar na República Dominicana, anos de horror, mortes violentas, torturas e continuas desaparicións.

En xuño do 59 a mecha libertaria prendeu coa chegada de 200 dominicanos que intentaron derrocar o ditador, sendo asasinados no intento.

É daquela cando pasan á primeira liña as irmás Mirabal, Patria, Minerva e María Teresa.

Loitadoras incansables, no ano 60 son encarceradas e, misteriosamente, liberadas meses despois, nunha operación de lavado de cara que non convenceu a ninguén. Moito menos a Minerva, que levaba tempo intentando que o goberno lle recoñecese o título de avogada.

“A muller para fregar pratos non precisa títulos” dicíanlle polo baixo, mentres en voz alta pedían desculpas pola enésima perda de papeis xa entregados.

Contaban con que a bolboreta, pseudónimo que usaba Minerva no seu facer político, se cansase ou crebase.

Volvendo unha noite de visitar os maridos na cadea foron emboscadas, violadas e asasinadas a paus e coiteladas. Era un 25 de novembro.

Pensaron: morto o can acabou a rabia.

“Se me matan, hei de sacar os brazos da tumba e serei máis forte aínda”, tiña dito Minerva.

Para a súa morte non houbo xustiza, pois os cinco culpables materiais fuxiron da prisión pouco despois.

Un deles morreu este ano sen ser capturado, sen que pagase pola súa felonía.

Por elas, cada 25 de novembro, todas as bolboretas do mundo abrimos as ás e seguimos coa loita.

Comentarios