Opinión

Don Mario

Don Mario

O seu pai tiña sete nomes; a el puxéronlle cinco: Mario Orlando Hardy Hamlet Brenno.

Sendo asmático, por aforrar aire, quedou só cun nome.

Cando a familia se mudou á capital mandárono a unha escola alemá, onde era endereitado con labazadas. Pero o que fixo que o pai o levase decontado foi a imposición do saúdo nazi.

Andou todo Montevideo, canto café e librería había, até se trocaren a súa segunda pel. E foi entón cando comezou a narrala, a dicila, con contos e versos que falaban do cotiá. Con sutil humor e fonda tenrura cantoulle a obreiros e estudantes.

Canda Idea Vilariño, a filla do anarquista de Vigo, Onetti, Galeano e Rodríguez Monegal, conformou a chamada Xeración Crítica. A da revista Marcha, na que un día apareceron tres capítulos dunha rara novela dun principiante García Márquez. Ese semanario que os militares forzaron a tiros a noite do Golpe .

Despois as súas letras foron prohibidas. O paisito tivo unha “Primavera con una esquina rota” e as paredes das fábricas enchéronse cos versos de amor dese poeta que andaba no desterro, mentres a súa Luz ficaba en Montevideo coidando dos vellos. Con el aprendemos que o amor tamén é militancia, que os ricos non aman coma os pobres, que á policía non lle gustan os que escapan do rego, que a alegría hai que defendela coma unha trincheira. Non había permiso  para ser feliz, pero sabiamos que “en la calle, codo a codo, somos muchos más que dos”.

E, como o sur tamén existe, berramos os seus versos e volvémonos militantes da vida.

Este mate vai por ti, don Mario Benedetti.

Comentarios