Opinión

Culpa

Abro os ollos nun cuarto escuro. Cústame situarme e sorrío ao recordar que ando de xira e estou nun hotel de Euskadi. Como un alustro vénme lembranza da noite antes: a dona acolleume como quen recibe un fillo que levaba anos fóra. Non lembrabamos nin ela nin eu o ritual de carné, rexistro, chaves… Despois séntase na miña cama mentres desfago a maleta. Nótome nerviosa. Que merda de tempos estes que che fan esquecer o pracer da proximidade cos outros e inocula o medo no corpo!

Neste caso, por ela, por Arantxu, que hai tempo deixou os 70 atrás e non é consciente dos riscos que corre. Despídese palmeándome a man. Recoméndame que durma ata tarde, que non me preocupe por nada. “No cruces rápido el calendario”, dime. Eu, que son herdeira dunha moral inquisidora, confronto o seu adeus cos berros de miña nai polo corredor, chamando por min: que as sabas non traían máis que o mal, que o mundo estaba por facer e había ser culpa miña se non se daba logrado… E así medrabas: responsable de todo o daniño, inmersa na cultura do esforzo, a que tan só se materializa en cousas tanxibles.

A mesma que nestes meses de cancelacións na miraxe de “ocúpate en algo” nos volveu coidadoras, cociñeiras, limpadoras e videodependentes sen goce de paga. E por riba aínda tes que escoitar o de “Nada de 8 de marzo, que a pandemia empezou así!” Absorta naqueles pensamentos, un estrondo tróuxome de volta á realidade. Botei a correr cara ao andadeiro. Alí, na penumbra, coma unha aparición, con pasos curtos e bata de guata, viña Arantxu, con Rosendo a todo gas: “Cambio las cosas de sitio / Maneras de vivir…”.

Comentarios