Opinión

Clericó

Poucas cousas estraño máis nestas datas que o “clericó”, aquela sorte de ensalada de froitas que preparaban os meus, nun recipiente grande, ao que ía parar canta botella de alcohol aberta había pola casa. O clericó de adultos, que o de nenos só levaba Fanta e zume de limón.

Antes de o sol empezar a quentar metiámonos na horta a apañar ameixas, pexegos, melóns, amorodos, uvas… e á tenda a polas laranxas.

Após estonar e picar froita ata enchermos o caldeiro, ante o aviso das primas máis vellas, chegaban miña avoa ou a tía coas botellas que tiñan baixo sete chaves no armario. Facían a maxia de impregnar o aire con aquel olor prohibido para nós, as máis novas, e despois baixábano ao pozo para telo fresco á noite, ao rematar a cea. 

Na miña casa dicían que o clericó era unha receita paraguaia e que o seu nome viña do guaraní. Tendo en conta que a maior parte dos pratos que se comen no Uruguai, a trinta graos, son herdanzas dun xeado Nadal europeo, sempre agradecín ese aporte autóctono. Agora ben, lin estes días que clericot é unha palabra francesa, algo que xa bebían os bretóns (o texto di “celtas”) polo Samhain e que así foi documentado polos romanos. O conto cheira ao chamusco, pero entre o peche perimetral de Compostela e a morriña que me asalta nestas datas vou preparar un “clericorciño” como o de aquel que dei probado do cacharro dos maiores cando me consideraron adulta. A mona máis doce da miña vida! Aínda hai quen ri recordándoa. Vendo a necesidade que temos todos de rir, dedícovola.

Comentarios