Opinión

Boa letra

Tiven unha mestra que che facía repetir versos de Rubén Darío  nunha  libreta de dobreraia. As letras eran liñas viaxeiras que subían e baixaban do ceo ao chan. Agás os efes e os xes, que me traían polo camiño da amargura. Repetía, incansable, coa punta da lingua asexando por entre os labios, palabra tras palabra, cunha concentración tal que o lápis abría sucos no papel.  

A miña nai tamén lle preocupaba que fixese boa letra, aínda que ela  cría nas letras que escriben os andares da vida, que tiñan que ser “rectos, limpos, e nunca tortos”.

Na miña casa a letra non entraba con sangue, pero unha mirada súa chegaba para paralizarte.

Cos anos a letra foi de máquina de escribir e despois de ordenador; a “cursiva” e a “imprenta” pasaron a chamarse “times roman”, “calibri” ou “arial”.

Con todo , mantiven o costume de escribir á man cartas, felicitacións, condolencias … E máis desde que a artrose me vai acurtando os movementos. O lápis converteuse nunha forma de resistencia. As viaxes tamén as rexistro á man, en cadernos que vou atesourando. Agora que o mundo se volveu máis pequeno mergúllome neles e navego.

E así leo “Extasiada frente al Escriba Sentado, me hubiera gustado este oficio”, e viaxo por París nun día grisallo.  

E tamén por Lima, nun día solleiro, pasada a ponte de San Xurxo, un home sen idade, un secreter con papeis de calidades dispares e  un escrito que rezaba:

“ Despacito y buena letra, que hacer las cosas bien es mejor que hacerlas.” 

Comentarios